Pasar al contenido principal

Estudantes de Galicia e Baleares impóñense no campionato de modelado 3D con teléfono móbil da Universidade de Santiago

O equipo Tecnosang 4.2, do IES A Sangriña, de A Guarda, proclamouse campión da D3Mobile Metrology League por diante de 3DMakers, do IES Marratxí, de Baleares

O equipo Tecnosang 4.2, do IES A Sangriña, do concello pontevedrés de A Guarda, gañou a primeira edición da D3Mobile Metrology League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Uscan3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Neste torneo, pioneiro a nivel mundial, tomaron parte 1.126 estudantes de 4º curso da ESO e de Bacharelato de 136 centros educativos de toda España.

Logo de avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados nos distintos exercicios puntuables, o xurado acordou proclamar vencedores do torneo aos compoñentes do equipo Tecnosang 4.2, integrado por Alicia Pereira, Olaia Ferreira, Carlos Baz e Saúl Álvarez, catro estudantes do IES A Sangriña de A Guarda, cuxo traballo estivo coordinado e supervisado por Antonio Lomba, profesor do citado centro educativo. Os equipo 3DMakers, do IES Marratxí de Islas Baleares, integrado polos estudantes Luis Martínez, María Verdera, José Leonardo e Bernat Pardo e coordinado pola profesora do devandito centro educativo balear Catalina Berendsen, acadou o subcampionato deste torneo pioneiro a nivel mundial, no que finalizou no terceiro posto o equipo Trébol, do IES Ponte Caldelas, de Pontevedra, coordinado polo profesor Alberto Mendoza e integrado polos estudantes Adrián García e Jonathan Rodríguez. Os membros do equipo gañador deste primeiro campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil serán obsequiados con cadansúa tablet, ao tempo que poderán visitar o 20 de xuño as instalacións do Real Observatorio de Madrid, onde se celebrará, a partir das 10.00 horas, a cerimonia de entrega dos galardóns, e o Centro Español de Metroloxía. Os/as integrantes dos equipos clasificados na segunda e terceira posición deste campionato de modelado 3D con móbil, recibirán tamén tablets como agasallo. O director do Centro Nacional de Información Xeográfica, Sebastián Más Mayorar, e o director do Centro Español de Metroloxía, Fernando Ferrer Margalef, participarán na entrega dos premios aos gañadores da D3Mobile Metrology League, un acto no que tamén estarán presentes un representante da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e Tomás de Andrés, da Fundación Vodafone España. A coordinadora do grupo de investigación da Universidade de Santiago Uscan3D, Mariluz Gil Docampo, e o director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, tamén acompañarán aos premiados. Premios Galicia e Lugo O equipo Noespa, do IES Blanco Amor, de Ourense, coordinado pola profesora María Aurora Valdonedo e composto polos estudantes David Nóvoa, Pablo Estévez e Iván Pazo, acadou o premio na categoría de Galicia. Mentres, Óscar López, David Pena y Martín Fernández, encadrados no equipo Arturo, do IES del IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, e coordinados polo profesor Eugenio Losada, proclamáronse campións da provincia de Lugo na primeira edición da D3Mobile Metrology League. O campión galego e o gañador na fase provincial recibirán os seus respectivos galardóns no transcurso dunha cerimonia de entrega de premios que se celebrará o vindeiro martes 18 de xuño, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. Os seis alumnos galardoados na D3Mobile Metrology League percibirán como agasallo cadanseu iPad Mini. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación, Pablo Ramil; o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Manuel Vila; o deputado provincial responsable da área de Cultura, Turismo, Educación e Normalización, Mario Outeiro, e Rosendo Amor, en representación da Fundación Vodafone España, participarán no acto de entrega dos premios da D3Mobile Metrology League aos estudantes do IES Blanco Amor, de Ourense, e do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz. O profesor da Universidade de Santiago e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, e a coordinadora do grupo de investigación USCAN3D, Mariluz Gil Docampo, tamén estarán presentes neste acto, que está aberto á participación de todo o público interesado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2013.