Nanotecnoloxía, realidade ou tendencia?
Nanotecnoloxía: realidade ou tendencia?. Esta é a pregunta á que o proxecto Nanovalor tentará responder coa presentación o vindeiro 18 en Santiago das súas primeiras conclusións sobre as capacidades da oferta tecnolóxica e a demanda empresarial arredor da nanotecnoloxía na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Será no marco dunhas xornadas que informarán sobre os recursos de apoio á nanotecnoloxía, dando a coñecer o posicionamento das institucións e facendo fincapé nas capacidades da oferta tecnolóxica e a demanda empresarial detectada na eurorrexión. Na apertura das xornadas, o próximo martes 18 a partir das 10.30 horas na sede de Feuga (r/ Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Vida), participarán o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González; o seu homólogo da Universidade de Miño, Vasco Teixeira; o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega, Francisco Javier Pereiro; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela; e o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), Jesús Lago. Os principais destinatarios son as empresas usuarias e interesadas en aplicacións nanotecnolóxicas, provedores e desenvolvedores de solucións con base na nanotecnoloxía e investigadores deste eido. As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición nas xornadas ata este venres 14. O encontro desenvolverase en horario de 10.00 a 18.30 horas, no que ademais das primeiras conclusión de Nanovalor, con especial atención a Galicia, se realizarán presentacións institucionais a cargo de representantes da administración. Unha mesa redonda avaliará a promoción da nanotecnoloxía no tecido produtivo de Galicia e as oportunidades de crecemento e colaboración a curto e medio prazo. As últimas tendencias tecnolóxicas será o obxecto dunha intervención de Alfons Cornellá, fundador e presidente da rede de innovadores de referencia en lingua española (Infonomia). Pola súa banda, Julio Gómez, director de Avanzare Innovación Tecnológica, falará sobre as aplicacións industriais dos nanomateriais dende a óptica da súa empresa, dedicada á fabricación destes materiais con elevadas prestacións para a industria da automoción, aeronáutica, téxtil, madeira, papel, plástico, goma, pintura, construción, cable ou electrodomésticos, entre outros.