Pasar al contenido principal

A USC acada 4 dos 14 recoñecementos dos Premios SUSCHEM a novos investigadores químicos

Félix Freire Iribarne, investigador Ramón y Cajal no CIQUS, gañador na categoría de postdoc para investigadores menores de 40 anos
Félix Freire Iribarne, investigador Ramón y Cajal no CIQUS, gañador na categoría de postdoc para investigadores menores de 40 anos
Félix Freire gaña na categoría ‘postdoc’ á mellor publicación científica e outros tres resultan finalistas nos galardóns

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CIQUS) acaba de conseguir varios galardóns na quinta edición dos Premios SUSCHEM para novos investigadores químicos que convoca a Plataforma Tecnolóxica Española de Química Sustentable. O investigador Ramón y Cajal Félix Freire Iribarne foi o gañador na categoría de postdoc para investigadores menores de 40 anos. O traballo premiado -Nanoesferas de tamaño axustable e quiralidade a partir de complexos helicoidais polímero-metal- fora portada do Journal of the American Chemical Society (JACS) que o clasificou como un dos máis destacados entre os recentemente publicados. Nel describe unhas nanoesferas de grande interese debido á súa propiedade de encapsular moléculas e partículas que logo poden ser utilizadas en subministro de fármacos ou cosméticos. Nesa mesma categoría o xurado declarou tres finalistas, dos cales dous tamén pertencen ao CIQUS. Por unha banda, José Miguel Alonso Gómez pola investigación ‘ [16] Cloverfeno: un nanografeno cata-condensado en forma de trevo con dezaseis aneis de benceno fusionados’ realizada baixo a dirección de Diego Peña, Enrique Guitián e Dolores Pérez e publicada na revista Angewandte Chemie, de interese para aplicacións en novos materiais, electrónica, enerxía fotovoltaica, etc; e, por outra, Rebeca García Fandiño, investigadora Juan de la Cierva no CIQUS co profesor Juan Granja, polo traballo ‘Deseño de poros biomiméticos en nanotubos de carbono’, unha colaboración entre as universidades de Oxford e A Coruña que foi publicado en PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences). Trátase dun modelado por ordenador do comportamento de nanotubos de carbono modificados internamente para que permitan o paso selectivo de certas sustancias, imitando o comportamento das membranas celulares. Por último, Alejandro Criado, recentemente doutorado no CIQUS baixo a dirección de Enrique Guitián e Diego Peña, foi finalista na categoría de predoc pola investigación ‘ Diferenciación da orde de enlaces por Microscopía de Forza Atómica’, elixida portada de Science o pasado setembro e na que describe por primeira vez a determinación e diferenciación da orde e a lonxitude dos enlaces en moléculas individuais empregando unha técnica de microscopía de forza atómica sen contacto. Premios SUSCHEM

Estes galardóns buscan premiar o labor de novo persoal investigador menor de 40 anos no ámbito da Química en España e apoiar e estimular a actividade científica e divulgativa. Instaurados en 2009, están promovidos polo Foro Química e Sociedade, o Grupo Especializado de Novos Investigadores Químicos da Real Sociedade Española de Química (JIQ), a Real Sociedade Española de Química (RSEQ), a Asociación Nacional de Químicos de España (ANQUE), o Consello Xeral de Colexios de Químicos de España (CGCQ) e a Federación Empresarial da Industria Química Española.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2013.