Pasar al contenido principal

Santiago reúne nun congreso as universidades españolas implicadas na creación de empresas de base tecnolóxica

O reitor presidiu a inauguración, xunto coa directora do Instituto da Muller e a secretaria xeral de Igualdade. Foto: Servimav-USC
O reitor presidiu a inauguración, xunto coa directora do Instituto da Muller e a secretaria xeral de Igualdade. Foto: Servimav-USC
Esta é unha iniciativa da USC e o Instituto da Muller inaugurado este xoves na USC que explora as particularidades do emprendemento feminino

O Congreso Innovatia 8.3 promove o emprendemento feminino no ámbito universitario ao longo de dúas xornadas, este xoves 12 e o venres 13, promovido polo Instituto da Muller e a USC. Na súa definición, o congreso concíbese como o lugar de encontro das universidades españolas implicadas na transferencia do coñecemento e a tecnoloxía dende a investigación á sociedade a través da creación de empresas de base tecnolóxica. Celebrarase na Universidade compostelá por ser sede do programa de apoio ao emprendemento feminino Woman Emprende. O reitor Juan Casares presidiu a sesión inaugural no Salón de Actos do CITIUS (Campus Vida), onde tamén interviñeron a directora xeral do Instituto da Muller e da Dirección Xeral de Igualdade de Oportunidades, Carmen Plaza, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A continuación, Celia Sánchez-Ramos, da Universidade Complutense de Madrid, pronunciou a conferencia inaugural, titulada ‘A innovación unha excelente ferramenta na saúde visual’. Eva López Barrio, do programa Woman Emprende da USC presentou a continuación os procedementos de traballo de Innovatio 8.3 para o apoio do emprendemento. Seguiulle a presentación dos programas universitarios considerados pioneiros en emprendemento como son Innova, da Universidade Politécnica de Cataluña, o Instituto de Ideas da Universidade Politécnica de Valencia; e o propio proxecto Innovatia 8.3 da USC. A sesión matinal remata coa testemuña de diversas spin-off universitarias españolas, como son Galchimia, da USC; Biprocel, da UPC; ou Titania, da UPV; e a presentación da rede Innovatia 8.3. Pola tarde, as distintas intervencións programadas traen a Compostela a opinión experta de Women CEO, Mujeres & Cia e da Asociación Executivas de Galicia que se completa cunha quenda de intervencións agrupadas baixo o lema ‘Emprendemento feminino internacional: Boas prácticas en Europa e América’. Venres 13 ‘Mulleres ao fronte de universidades’ é o tema que iniciará as sesións do venres 13 coa participación da directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Alacante, María José Rodríguez Jaume; da directora do Parque Científico da Universidade Carlos III de Madrid, Paloma Domingo; e da vicerreitora de Transferencia e Innovación, Pilar Zaragoza. Logo dunha pausa, comezará a segunda quenda de intervencións do día, sobre o sistema de axudas español no emprendemento feminino. Intervirán a subdirectora xeral de Emprendemento e Promoción Profesional das Mulleres, Begoña Suárez; a responsable de Promoción de Enisa; a responsable da Área de Materiais e Nanomateriais do CDTI, María del Pilar de Miguel; a secretaria xeral do IGAPE, Covadonga Toca; e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, moderadas pola directora da Cátedra de Emprendedores Novos, a profesora da USC Loreto Fernández. A presentación de conclusións e o acto de clausura contará co participación do director do proxecto Innovatia 8.3, Carlos Hernández Sande, e do subdirector xeral de Programas do Instituto da Muller, Jesús Casas Grande. Innovatia 8.3 Neste congreso presentaranse a metodoloxía e os procedementos de traballo que poderán empregar todas as universidades que desexen facer un asesoramento neutro e intregral na creación de empresas de base tecnolóxica. Segundo explican os seus promotores, son procedementos novedosos que definen todos os pasos que hai que seguir para acompañar ao emprendemento universitario en cada unha das súas fases e que facilitan ás universidades que os empreguen un asesoramento neutro e integral nos seus servizos de apoio. A filosofía que aglutina este traballo é incrementar o número de vocacións empresariais femininas, de xeito acorde coas cotas de participación das mulleres na universidade española. Ademais, o programa da USC Woman Emprende presentará a primeira guía de creación de empresas especificamente deseñada para dar apoio ao emprendemento feminino de base tecnolóxica e compartirá con todos os/as asistentes os procedementos de traballo conducentes á creación dunha spin off universitaria promovida por mulleres. Este é unha acción formativa de inscrición gratuíta da que se pode atopar máis información na web www.womanemprende.org. O encontro explora as particularidades do emprendemento feminino. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2013.