O campus de Lugo súmase ao Día Internacional do Voluntariado coa celebración de distintas actividades no centro da cidade

O campus de Lugo súmase hoxe á celebración do Día Internacional do Voluntariado, coa súa participación nos diversos actos organizados pola Rede Lucense de Voluntariado, a partir das 17.00 horas, na Praza Maior e no centro social Uxío Novoneyra da capital luguesa.
Baixo o lema ‘Cóllelle o gusto ao voluntariado’, a Rede Lucense de Voluntariado, que agrupa nove entidades da capital luguesa (Fundación Secretariado Xitano, Cáritas Diocesana, Aspnais, Fundación Juan Soñador, Asociación Xuvenil Ateibo, Auxilia, Down Lugo, Cogami Lugo e Aliad-Ultreia) e a Universidade de Santiago, promove conmemorar esta efeméride unha xornada lúdica e unha sesión de contacontos.
Os actos comezarán a partir das 17.00 horas, cando se instalará un photocall na Praza Maior, onde permanecerá ata as 19.00 horas. Durante este tempo, todas as persoas que queiran poderán escoller un lema para fotografiarse como xesto de apoio ao voluntariado.
O acto central da xornada terá lugar ás 18.00 horas, cando está prevista a lectura dun manifesto a prol do voluntariado por parte de dúas mozas voluntarias. E xa para rematar esta xornada, o centro social Uxío Novoneyra acubillará, a partir das 19.00 horas unha sesión de contacontos con Paula, unha actividade aberta á participación de todos os públicos e de carácter gratuíto.
A Rede Lucense de Voluntariado conta co apoio e a colaboración do Concello de Lugo e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia para a celebración dos distintos actos programados para conmemorar esta efeméride.