Pasar al contenido principal

O Colexio de Fonseca acolle unha lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Este martes 10, Día Internacional dos Dereitos Humanos

A Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC colabora co Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) na organización dunha sesión de lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que este ano alcanzan o seu 65 aniversario. A xornada celebrarase este martes 10, no que tamén se conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos proclamado pola ONU. No Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 10.00 horas, o acto estará presidido polo reitor Juan Casares, e contará coa presenza tamén do valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández; da directora académica da Cátedra Unesco, Mar Lorenzo; e do presidente do SGEP, Manuel Díos. Na lectura participarán nenos e nenas de colexios e institutos de Santiago xunto con personalidades do mundo cultura, institucións, entidades sociais e persoas a título individual que queiran participar libremente neste acto que pretende divulgar e sensibilizar sobre a relevancia e vixencia dos dereitos humanos, sobre a base da igual dignidade humana.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2013.