Pasar al contenido principal

A Politécnica apunta a silvicultura moderna e a xestión conxunta e sostible como vías para mellorar o aproveitamento do monte

Ana Varela, Javier Bueno, Elier Ojea e Alberte Piñeiro, na Escola Politécnica Superior de Lugo
Ana Varela, Javier Bueno, Elier Ojea e Alberte Piñeiro, na Escola Politécnica Superior de Lugo
A presentación dun informe da Fundación Barrié para mellorar as capacidade forestal de Galicia abre este luns os actos da Semana Forestal Europea no campus de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Lugo apunta a implantación de técnicas de silvicultura moderna e a xestión colectiva e sostible e conxunta das propiedades forestais como ferramentas para mellorar o aproveitamento do monte, segundo indicou este luns o director do centro universitario lugués, Javier Bueno Lema, na presentación do informe no que a Fundación Barrié propón dez claves para mellorar a capacidade forestal de Galicia.

Este acto, organizado por Confemadera Galicia no marco da Semana Forestal Europea, promovida pola Unión Europea e a FAO, contou coa participación do presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, así como da directora xeral de investimentos da Fundación Barrié, Ana Varela, e do portavoz da asociación de bolseiros da citada entidade, Alberte Piñeiro. Javier Bueno salientou no acto de presentación deste informe o importante cometido que desenvolven os centros de ensino superior, en xeral, e da Escola Politécnica Superior de Lugo, en particular, en aras a acadar unha mellor e máis rendible xestión dos aproveitamentos forestais. Neste senso, Bueno Lema presentou a EPS como un centro de referencia no eido forestal, tanto pola formación de novos profesionais relacionados co sector, como polas distintas iniciativas e traballos desenvolvidos polos docentes e investigadores do centro nos eidos da certificación forestal e da xestión do territorio. O director da Escola Politécnica Superior de Lugo apelou así a conveniencia de avaliar os centros universitarios por parámetros cualitativos e non só por indicadores cuantitativos, centrados nas estatísticas de matrícula. Neste senso, Bueno Lema destacou a dimensión internacional que xa ten acadada a EPS, na que actualmente se forman medio centenar de universitarios estranxeiros procedentes de 15 países. A transferencia de tecnoloxía e de coñecemento ás empresas é, na opinión de Bueno Lema, outro dos importantes activos do centro universitario lugués, que o pasado curso xestionou para o seu estudantado 150 bolsas de prácticas externas en empresas e entidades. Respecto da captación de recursos financeiros, o director da EPS salientou que as actividades de I+D+i desenvolvidas no centro lugués permitiron o pasado cano captar recursos por un valor económico de máis de dous millóns de euros. Recursos e situación forestal de Galicia A directora xeral de investimentos da Fundación Barrié, Ana Varela, destacou na súa intervención o potencial forestal que representa Galicia, unha comunidade autónoma que conta con máis de dous millóns de hectáreas de superficie uso forestal, das que só están aproveitadas un 30%, e que aporta máis do 50% da madeira cortada en España. A repercusión do potencial forestal de Galicia na creación de riqueza e de emprego na propia comunidade é sensiblemente inferior ao que cabería esperar, dixo Varela, quen defende a necesidade urxente de actuacións orientadas a mellorar a xestión e a incrementar a produtividade do monte e dos recursos forestais existentes, o que tamén sería eficaz para solucionar a problemática dos lumes, dixo. O vogal da asociación de bolseiros da Fundación Barrié, o egresado da Escola Politécnica Superior de Lugo, Alberte Piñeiro, presentou neste relatorio a batería de medidas suxeridas polos bolseiros da Fundación Barrié para mellorar a xestión forestal e acadar uns aproveitamentos máis rendibles, unhas propostas que estiman imprescindible avanzar na xestión colectiva e sostible do territorio, así como a implantación e aplicación de novas técnicas de silvicultura distintas das tradicionais. Programa da Semana Forestal Europea na Escola Politécnica A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acollerá ata o xoves diversos actos organizados ao abeiro da celebración da Semana Forestal Europea, que nesta edición se desenvolve baixo o título ‘A función dos bosques e os produtos forestais nunha Economía Verde’. Así, logo da presentación deste estudo da Fundación Barrié, o centro universitario lugués acubillará este martes, día 10 de decembro, a xornada ‘A produción de biomasa forestal residual certificada FSC e as súas posibilidades de mercado’. Asemade, a sala de xuntas da EPS será mércores e xoves escenario dun curso de creación de grupos de xestión forestal de propietarios de pequena superficie e certificación FSC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2013.