Pasar al contenido principal

A lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos conmemorou no Colexio de Fonseca o seu 65 aniversario

A sesión desenvolveuse este martes no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Servimav-USC
A sesión desenvolveuse este martes no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Servimav-USC
Este martes 10, Día Internacional dos Dereitos Humanos

Todos os seres humanos polo feito de naceren libres e iguais en dignidade e dereitos e, tendo como teñen razón e conciencia, débense comportar fraternalmente uns cos outros. Deste xeito principia o texto articulado da Declaración Universal de Dereitos Humanos, documento que cumpre 65 anos de vixencia e que foi obxecto dunha lectura pública nunha xornada celebrada no Salón Nobre do Colexio de Fonseca este martes 10 de decembro, no que tamén se conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos. A Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC colaborou co Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) na organización desta sesión de lectura pública. A xornada contou coa participación do reitor Juan Casares que presidiu o acto que precedeu á lectura, e coa presenza ademais do valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández; da directora académica da Cátedra Unesco, Mar Lorenzo; e do presidente do SGEP, Manuel Dios. A Declaración Universal refírese “á necesidade de compartir e defender que hai un modo de vivir onde respectando uns aos outros, respectámonos a nós mesmos”, dixo Casares, ao tempo que identificou este acto coa manifestación simbólica de que “convivir nun estado de dereito permítenos relacionarnos e vivir xuntos nunha convivencia pacífica sen recorrer á forza como forma de expresión”. José Julio Fernández, pola súa banda, destacou a oportunidade da iniciativa por canto que pon en valor a cultura da promoción dos dereitos e particularmente porque destaca a transcendencia dun documento que é un fito da humanidade. Neste senso, situou a problemática neste ámbito na capacidade de lograr a efectividade do tratado internacional de xeito que se aplique con normalidade e eficiencia. Neste mesmo senso, Manuel Dios lamentouse da sorprendente “invisibilidade da Declaración”, a pesar se que “segue sendo un texto revolucionario que cambiou o panorama da humanidade”. Máis alá da capacidade tecnolóxico demostrada por homes e mulleres ao longo da historia, “o gran desenvolvemento da humanidades non está na tecnoloxía senón que fomos quen de construír un corpus xurídico que regula a convivencia”. A directora da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC asegurou que a celebración do Día Internacional dos Dereitos Humanos non é un feito illado, “todos os días a xente loita por ter unhas sociedades máis democráticas, igualitarias”. Non obstante, Mar Lorenzo asegura que “queda un longo percorrido” para alcanzar a plenitude dos dereitos consagrados na Declaración Universal. Tras 65 anos de vida, a declaración require “que a recordemos todos os días” concluíu. Na lectura estaban chamados a participar nenos e nenas de colexios e institutos de Santiago xunto con personalidades do mundo cultura, institucións, entidades sociais e persoas a título individual que quixeran participar libremente neste acto que pretende divulgar e sensibilizar sobre a relevancia e vixencia dos dereitos humanos, sobre a base da igual dignidade humana.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2013.