Preséntase na EPS de Lugo un novo sistema de captura masiva de datos xeorreferenciados e orientados a GIS
A ferramenta permite a recollida de imaxes en 360 graos con información posicional e a posterior elaboración de imaxes en 3D a partir dos datos recibidos
A distribuidora Global Suministros Topográficos presenta na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo un novo sistema de captura masiva de datos xeorreferenciados e orientados a GIS (siglas en inglés de ‘Sistema de Información Xeográfica’), conxunto de soportes e ferramentas informáticas para a captura, almacenamento, análise e proceso da información xeograficamente referenciada. Este novo sistema permite a captura de imaxes en 360 graos con información posicional desde un vehículo en movemento, así como a posterior creación de imaxes tridimensionais a partir dos datos recollidos. O acto de presentación terá lugar o venres 30, a partir das 11.00 horas, no laboratorio de Topografía da EPS.