Unhas xornadas de tecnoloxía oftálmica presentarán ao estudantado de Óptica algúns dos avances máis recentes neste eido
A Facultade de Óptica e Optometría organiza estes venres 30 unhas xornadas de tecnoloxía oftálmica coas que o centro pretende complementar e reforzar a aprendizaxe dos alumnos, dando a coñecer os avances máis recentes desenvolvidos polos diferentes fabricantes e achegando aos futuros profesionais o espírito, metodoloxía e importancia da investigación no sector das lentes oftálmicas e a saúde ocular. No Salón de Actos do centro de 11.00 a 13.00 horas, estas xornadas están patrocinadas por Hoya. A organización desta actividade responde á revolución experimentada nas últimas décadas coa incorporación ao mercado de novas lentes con deseños, materiais e tecnoloxías moi avanzados que permiten a súa personalización de forma que os profesionais da optometría poden aconsellar a mellor opción ás necesidades reais de cada usuario. O programa comezará ás 11.00 horas cunha explicación das actividades de Hoya a cargo de Almudena Cuervo, continuando cunha intervención na que se referirá a cuestións relacionadas co deseño, tratamentos, procesos de fabricación, tipos e evolución das lentes oftálmicas. Para concluir, a mesma relatora explicará en que consiste un catálogo de lentes e a distribución dese catálogo, incluíndo exercicio prácticos.