Nova edición dos Campus Científicos de Verán na USC
O programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ participa un ano máis no desenvolvemento dos Campus Científicos de Verán 2012, unha iniciativa posta en marcha pola FECYT en colaboración co Ministerio de Educación e co apoio da Obra Social “La Caixa”. O programa, dirixido a estudantes de 1º de Bacharaleto e 4º de ESO de centros educativos de toda España, pretende impulsar o interese da xuventude pola ciencia e a tecnoloxía e incentivar o seu acceso en titulacións científico-técnicas. Para iso participarán do 2 ao 27 de xullo en distintos proxectos de investigación cos docentes universitarios que os dirixen. En Santiago este ano ofértanse proxectos relacionados cun sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais, a busca das partículas más enerxéticas do Universo, os musgos e a maxia dos hidroxeles. Coordinada na USC polo profesor Luis Hervella, na actividade participan 56 estudantes que, divididos en dúas quendas dunha semana cada unha en función dos estudos que cursen, terán a oportunidade de asistir e experimentar nestas investigacións.
Ademais, xunto a diversas actividades lúdico-deportivas asistirán a charlas co experto da USC Angel Carracedo sobre o xenoma, con Jorge Mira sobre a distancia que separa a Terra do firmamento e con Enrique Macías sobre as Matemáticas.