Pasar al contenido principal

Unha xornada en Emprendia explora a xeración de novas liñas de negocio nunha EBT

‘A Explotación dos Recursos da Empresa: Xeración de novas liñas de negocio nunha EBT’ é o lema da xornada que este venres 1 de xuño se celebrará no edificio Emprendia no marco dos Encontro Emprendiápolis. Dirixida a profesionais vinculados á area de creación de empresas derivadas do coñecemento e a tecnoloxía, ben como promotores ou como técnicos, analizarase como converter unha liña de investigación en tecido empresarial e o desenvolvemento de novas liñas de negocio nunha Empresa de Base Tecnolóxica (EBT). As EBT teñen como fin explotar economicamente novos produtos e servizos a partir de resultados da investigación científica e tecnolóxica. Pódense definir como "unha organización produtora de bens e servizos, comprometida co deseño, desenvolvemento e produción de novos produtos e/ou procesos de fabricación innovadores, a través da aplicación sistemática de coñecementos técnicos e científicos", segundo propón a Office of Technology Assessment. A investigación aplicada é a base das EBT, que utilizan o coñecemento científico e técnico para o desenvolvemento de produtos e procesos innovadores, contribuíndo ao desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías, á creación de emprego de calidade e á capacidade de xerar un alto valor engadido na actividade económica. Programa Unha mesa redonda ás 9.30 horas que moderará a directora do Centro de Estudos Avanzados da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, abrirá o programa co director de Colímera Consultores, Carlos Otero Barros, e o socio de SyV Consultores, Fernando Martínez Valdueza, como relatores. A continuación, a partir das 12.30 horas, examinaranse diversos casos de éxito nunha sesión moderada polo subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña. Intervirán o responsable de I+D+i de Innolact, Sergio Martínez Alonso; a fundadora de AMSlab Applied Mass Spectrometry Laboratory, Sandra Pedreira García; e a fundadora e xerenta de Ceo Aberto, SL, Mónica Moure Parada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.05.2012.