Pasar al contenido principal

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo organiza a segunda sesión das súas xornadas sobre infancia e adolescencia

O encontro, dirixido a estudantes e profesionais, está centrado na análise das estratexias educativas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo organiza o sábado 10 a segunda e última das sesións das xornadas ‘Educando na Infancia e na Adolescencia’, en colaboración coas fundacións Preescolar na Casa e SM, logo da primeira parte desenvolvida o día 3. ‘Repensando a educación entre os 6 e 12 anos’ é o lema deste encontro que, segundo os organizadores, pretende ser “un espazo para analizar e debater sobre a educación nos anos de primaria, para coñecer os retos que a nova realidade presenta e para afondar en alternativas e propostas que xa se están realizando nos centros de ensino”. Outro dos obxectivos que se persegue coa posta en marcha deste foro de debate é o de sensibilizar de cara á “necesaria colaboración entre os axentes relacionados coa infancia”, así como coñecer experiencias concretas de actuación con colectivos como inmigrantes, atención educativa específica ou alumnado conflitivo. O programa organízase a partir de conferencias de docentes, pedagogos, psicólogos e orientadores, e de paneis de experiencias nos que se mostran casos de centros con proxectos educativos innovadores, alternativos ou orientados a grupos específicos, tanto de Galicia como doutras comunidades españolas, dentro do ciclo de primaria. Esta serie de xornadas, que comezou o curso pasado cunha primeira edición centrada no alumnado ata os 6 anos, terá continuidade en 2013 cunha terceira cita sobre educación e adolescencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2012.