Pasar al contenido principal

Chega a Lugo a exposición ‘73x73x273. A irmá do sono’, un diálogo entre arte e morte que non deixa indiferente

Esta representación da maternidade de Ramón Conde, totalmente allea á inconografía tradicional. é unha das pezas que compoñen a mostra
Esta representación da maternidade de Ramón Conde, totalmente allea á inconografía tradicional. é unha das pezas que compoñen a mostra
A mostra, que se pode visitar na capela de Santa María ata o 20 de maio, está composta por pezas de 27 creadores procedentes das distintas disciplinas artísticas

A exposición ‘73x73x273. A irmá do sono’, organizada conxuntamente pola USC e a Deputación de Lugo, chega á capital lucense despois do seu paso por Santiago de Compostela, onde foi despedida recentemente con grande éxito de crítica e público.

‘73x73x273’ (o nome da mostra provén das dimensións estándar dun nicho de enterramento) ten como temática central o mundo da morte, e reúne propostas elaboradas a partir de todo tipo de técnicas e expresións artísticas, desde fotografía ou vídeo ata escultura ou pintura, pasando polas instalacións de gran formato. Un total de 27 creadores contemporáneos, todos eles galegos ou con forte vinculación con Galicia, achegan a súa particular visión sobre aspectos coma o paso do tempo, a enfermidade, o eterno retorno ou a relación entre sexo e morte. Na rolda de prensa de presentación celebrada na propia capela de Santa María na que se localiza a exposición, o vicerreitor de Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, destacou “a forte a posta que a universidade está facendo por ofrecer unha ampla oferta cultural en Lugo, que se demostra no aumento da programación con respecto a outros anos, malia o momento de dificultade económica”. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, asegurou que a exposición “chega no momento xusto, nesta época de coresma e ao remate da estación invernal, na renovación do ciclo da vida, e tamén da morte, coa que temos que aprender a convivir”, e salientou a “magnífica escolla” das dúas localizacións nas que se presentou a exposición: a igrexa da Universidade de Santiago e esta capela de Santa María que acolle a mostra en Lugo. A deputada da Área de Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Regina Polín, insistiu no compromiso da institución provincial “por seguir apoiando os nosos creadores, tanto os xa consagrados coma os noveis, e por seguir colaborando coa universidade en futuros proxectos”. No acto de presentación da exposición participaron tamén as súas dúas comisarias, Fátima Otero e Cristina Carballedo, así como algúns dos artistas cuxas obras forman parte da mostra. Acto inaugural A inauguración oficial terá lugar o xoves 15, ás 20.00 horas, e as pezas que compoñen a mostra estarán expostas na capela de Santa María ata o vindeiro 20 de maio. A exposición, de entrada libre, poderá visitarse en horario de 10.30 a 14.00 horas de luns a venres, os sábados de 17.00 a 20.00 e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. A mostra está composta por pezas de Mónica Alonso, Antonio Blanco, Andrea Costas, Ramón Conde, Xaquín Chaves, Álvaro de la Vega, Victoria Diehl, Xulio Gil, Roberto González, Fran Herbello, Lamazares, Xurxo Lobato, Rut Massó, Paulo Neves, Xurxo Oro Claro, Fernándo Páez, Ignacio Pardo, Pamen Pereira, Paco Pestana, Montse Rego, Manuel Sendón, Ana Soler, Teo Soriano, David Trullo, Eduardo Valiña, Christian Villamide e Fernando Yáñez. Intervención de Pedro García Herradón, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, durante a rolda de prensa de presentación da mostra Unha das pezas, xunto ao cartel anunciador da exposición '73x73x273. A irmá do sono'

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.03.2012.