Pasar al contenido principal

A USC estará representada na fase final dos Campus Innovation Award con dous proxectos

Un novo sistema conformador de feixe de láser e un sistema de posicionamento 3D en tempo real sobre estruturas óseas para cirurxía dental son as propostas dos investigadores da USC

Dous investigadores da USC atópanse entre os finalistas da décima edición do Campus Innovation Award, cuxos gañadores se coñecerán no transcurso do European Forum for Innovative Start-ups (Innovact), punto de encontro entre emprendedores e redes europeas implicadas no desenvolvemento de novos proxectos empresariais, dende a súa creación ata o seu desenvolvemento. Na localidade francesa de Reims, o martes 27 e o mércores 28, en Innovact agárdase a presenza de 1.500 profesionais procedentes de vinte países e representantes dun cento de ‘start-ups’ europeas. Esta convocatoria internacional outorgará 5.000 euros ao proxecto gañador e 1.500 ao 2º e 3º clasificados. Os proxectos dos dous representantes da USC, posúen un marcado carácter innovador. Ana Isabel Gómez propón un novo sistema conformador de feixe que converte o feixe láser non uniforme noutro cunha distribución de intensidade uniforme ou de “chistera”. Pola súa banda, Manuel Gómez presentou un sistema de posicionamento 3D en tempo real sobre estruturas óseas para cirurxía dental, aínda que extensible a outros procedementos cirúrxicos. Óptica GRIN Como explica a doutoranda Ana Isabel Gómez Varela, do grupo de Microóptica e Óptica GRIN da USC,o novo sistema confórmano unha microlente GRIN na que o índice de refracción varía de xeito parabólico (o valor máximo concéntrase no centro e decrece progresivamente cara aos bordes). Outro factor engadido é que estará fabricado cun material activo que permite amplificar e reducir a intensidade. Como sinala Ana Isabel Gómez, o proxecto representa un avance na maneira de proxectar a radiación dun láser, xa que o típico é que se proxecte “nun perfil de intensidade denominado Gaussiano, é dicir, en forma de campá”. Esta distribución é indesexable en moitas aplicacións prácticas nas que se require iluminación uniforme sobre unha área extensa. Para solucionalo utilízase o que se coñece como sistema de conformado de feixe que permite transformar a súa distribución. Este xeito de conformación resulta útil nun abano extenso de campos de aplicación, dende o procesado de materiais e tecnoloxías fotovoltaicas, soldadura e microfabricación láser, ata procedementos médicos como cirurxía refractiva e tratamentos cosméticos, entre outros. Como apunta a investigadora, en todos estes casos, a distribución de intensidade uniforme permite optimizar os procesos e reducir custes. O proxecto que agora será preciso defender no foro de Reims constitúe o eixo central da tese de doutoramento de Gómez Varela e nace “motivado polo grande interese que ten hoxe en día o deseño e fabricación de conformadores de feixe láser compactos, robustos e externos ao láser, cos que ademais sexa posible controlar a uniformidade e nivel de intensidade á saída do conformador”. Posicionamento 3D en tempo real Pola súa banda, Manuel Gómez presenta un sistema que vén dotar ao instrumental cirúrxico dun posicionar 3D en tempo real que permita ao profesional identificar a posición precisa do instrumental en cada momento, evitando deste xeito danos en tecidos sensibles sobre os que inicialmente non hai que intervir. Inicialmente, o dispositivo dirixirase á cirurxía dental, aínda que Manuel Gómez considera que será aplicable a outros tipos de cirurxía, especialmente para endoscopias, e a outros campos onde teoricamente hai que intervir “a cegas”. Como xustifica o seu promotor, a idea xurdiu como solución a un problema real co que se atopan numerosos profesionais a cotío. Ademais, a proposta resultou premiada en 2010 no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC. Manuel Gómez é estudantes de 3º ciclo, atopándose na realidade realizando o doutoramento en ciencia e tecnoloxía de materiais co profesor Massimo Lazzari.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.03.2012.