Chega á USC a exposición ‘Non ten nome’ da artista Diana Raznovich
A Facultade de Filoloxía encherá as súas paredes a partir deste luns 30 coas viñetas cómicas que a artista Diana Raznovich deseñou para a exposición ‘¡Non ten nome!’ enmarcada na campaña Linguaxe para a Igualdade na Comunicación (LIC) do Centro de Estudos da Muller da Universidade de Alacante. A inauguración da mostra terá lugar o luns ás 12:00 horas nun acto a cargo da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo.
Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Universidade de Alacante presentou hai tres anos a Campaña LIC, deseñada por Diana Raznovich e con textos de Elena Simón Rodríguez, lingüista e experta en igualdade de xénero. Nela incídese na importancia da linguaxe como ferramenta para a comunicación e a transmisión da cultura, fundamental para alcanzar unha situación de igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, máis acorde coa nova realidade social e legal.
A exposición permanecerá na Facultade de Filoloxía ata o 3 de febreiro. De aí marchará a Medicina para estar nese centro entre os días 6 e 10 e a Farmacia entre o 13 e o 17. Ao Campus de Lugo chegará o día 20, concretamente á Facultade de Veterinaria, onde poderá visitarse ata o 27 de febreiro.