Pasar al contenido principal

O grupo ACUIGEN recoñecido co X Premio Jacumar de Investigación en Acuicultura do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño

O grupo que coordina Paulino Martínez (primeiro pola esquerda) desenvolve o seu traballo na Facultade de Veterinaria
O grupo que coordina Paulino Martínez (primeiro pola esquerda) desenvolve o seu traballo na Facultade de Veterinaria
O premio recoñece un traballo sobre a determinación do sexo no rodaballo e a súa aplicación industrial

O grupo de investigación ACUIGEN (Xenética para a Acuicultura e a Conservación de Recursos biolóxicos) acaba de ser recoñecido co X Premio Jacumar de Investigación en Acuicultura que convoca o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Concedido por maioría, o xurado destaca deste xeito a achega do grupo lugués no seu traballo ‘Determinación do sexo en rodaballo e a súa aplicación industrial’

A aplicación práctica ás empresas da acuicultura, o carácter innovador e a participación de empresas do sector eran os criterios máis valorados na avaliación das candidaturas presentadas a concurso. Finalmente, o xurado decidiu outorgarlle por maioría o premio ao grupo que coordina o profesor Paulino Martínez.

A achega dos investigadores da USC está relacionada coa importancia do rodaballo para a industria, dado o gran valor comercial desta especie e a súa potencialidade na acuicultura europea. Concretamente, o feito de que as femias deste peixe obteñen a talla comercial arredor de entre 4 e 6 meses antes que os machos incrementa o interese por potenciar poboacións acuícolas deste xénero. A isto se suma que tamén as femias alcanzan a madurez sexual practicamente dez meses máis tarde co que se retrasa a perda da calidade da carne, unha maior susceptabilidade a enfermidades ou a ralentización do crecemento, todos eles síntoma asociados a esa madurez.

Neste contexto, os investigadores da Facultade de Veterinaria desenvolveron técnicas que permiten a identificación do xénero dende a súa eclosión cunha fiabilidade do 99% nas familias testadas. Como sinala o coordinador do grupo, a identificación precoz supón unha valiosa ferramenta para os programas de selección ao permitir a escolla dos individuos de interese produtivo e avanzar máis rapidamente na consecución de poboacións coas características desexadas, neste caso formadas por exemplares femia.

ACUIGEN
O grupo de Xenética para a Acuicultura e a Conservación dos Recursos biolóxico xurdiu en 1989 no Departamento de Xenética da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e conta na actualidade cun total de 20 membros entre profesores, doutores, investigadores, bolseiros e técnicos.

A análise molecular e citoxénica dos xenomas dos peixes, a xenética de poboacións e evolución en peixes e a aplicación de marcadores moleculares en programas de mellora xenética, son algúns dos eidos nos que o grupo traballo. Ademais, ofrece importantes servizos ao sector da acuicultura como as análises xenéticas para a xestión dos recursos en especies piscícolas, a asignación de paternidades e identificación xenética en animais de produción animal e acuícola, a trazabilidade xenealóxica e alimentaria, entre outros.

Desenvolvido en colaboración con outros investigadores galegos, ACUIGEN é ademais responsable do primeiro mapa xenético da acuicultura española, tamén sobre o rodaballo.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2012.