Pasar al contenido principal

Entrégase este venres en Lugo o XII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Recólleo na cerimonia a Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada

A Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Montes de Trabada, gañadora da decimo segunda edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, recollerá este venres 3 en Lugo o galardón promovido pola USC e o grupo lugués Aresa.

O acto terá lugar ás 20:00 horas no auditorio da Facultade de Veterinaria e contará coa conferencia do reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), Carlos Alberto Sequeira, titulada ‘O sector primario, a crise económica e un mundo sustentable’.

O xurado que acordou por maioría conceder o galardón nesta edición estivo composto polo reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o reitor da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira; e o presidente da Confederacion de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil.

Na concesión do galardón, dotado con 10.000 euros, valorouse o traballo desenvolvido pola Sociedade luguesa na explotación forestal de maneira que tras diversas concentracións parcelarias se agruparon baixo a fórmula de SAT 327 propietarios e un total de 1.157 hectáreas efectivas nos montes do Concello de Trabada. Esta iniciativa logrou converter 7.338 fincas en 513, facéndoas así produtivas e demostrando que a xestión conxunta da superficie facilita o traballo mecanizado e reduce os custes de transporte, o que incrementa sensiblemente a súa rendibilidade económica.

Por ser Galicia, e especialmente a provincia luguesa, unha gran potencia forestal o xurado considerou que o proxecto constitúe un claro exemplo das vantaxes da concentración de propiedades para a xestión e o aproveitamento da madeira de maneira sustentable, nunha comunidade que padece a dispersión da propiedade e a gran superficie improdutiva.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2012.