A USC e a Alianza Francesa lembran á profesora Annick Boilève-Guerlet cun concerto na Igrexa
A Universidade compostelá e a Alianza Francesa de Santiago organizan este venres 22, ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade, un concerto-homenaxe en lembranza da recentemente falecida profesora Annick Boilève-Guerlet. No acto intervirán o compañeiro da profesora no Departamento de Francés, Manuel García Martínez; a fundadora xunto coa propia Annick Boiléve da Alianza Francesa de Santiago, Françoise Jourdan; o presidente da Alianza, José Manuel Díaz de Bustamente; e o irmán e o fillo da homenaxeada, Roland Boiléve e Javier Baltar Boiléve. Na homenaxe actuarán a organista María Xosé Cerviño e o contratenor Ramón Vázquez, que interpretará a capela a peza renacentista Doulce memoire de Pierre Sandrine.