A Surgical Infection Society of Europe recoñece o labor do catedrático Miguel Caínzos

A Surgical Infection Society of Europe (SIS-E) vai dedicar o seu curso en liña sobre infeccións cirúrxicas ao catedrático de Cirurxía da USC Miguel Caínzos en recoñecemento ao seu labor como creador e director desta acción formativa pola que teñan pasado nos últimos sete anos máis de 1.500 cirurxiáns de 38 países. O curso, que agora se denominará ‘Internet Course on Surgical Infections Prof. Miguel Caínzos’, impártese en inglés, consta de 37 capítulos (20 escritos por cirurxiáns europeos, 15 de Norteamérica e dous canadenses) divididos en seis módulos e un epílogo do profesor Robert E. Condon, máximo experto neste tema en Estados Unidos de América. É un curso dun ano de duración, actualmente na oitava edición, cuxa posta en marcha foi unha iniciativa desenvolvida en 2005 polo profesor Miguel Caínzos na súa etapa como presidente da SIS-E. A SIS-E tomou esta decisión na súa asemblea xeral celebrada recentemente en Lund (Suecia) a proposta do presidente da Sociedade, Profesor Thomas Sautner, así como de todos os membros do Council (directiva) da Sociedade. A decisión, que quere recoñecer o éxito alcanzado polo curso no ámbito mundial, foi aceptada pola unanimidade da Asemblea Xeral.
A SIS-E tomou esta decisión na súa asemblea xeral celebrada recentemente en Lund (Suecia) a proposta do presidente da Sociedade, Profesor Thomas Sautner, así como de todos os membros do Council (directiva) da Sociedade. A decisión, que quere recoñecer o éxito alcanzado polo curso no ámbito mundial, foi aceptada pola unanimidade da Asemblea Xeral.
Este recoñecemento súmase ao primeiro premio de Actividades de Formación Continuada que en 2008 lle outorgara a Fundación para a Educación Sanitaria da Consellaría de Sanidade (FEGAS) ao curso promovido polo profesor Caínzos.
Congreso da SIS-E
A asemblea da SIS-E coincidiu coa celebración do Congreso da Sociedade ao que asistiron cirurxiáns de múltiples países da Unión Europea e outros procedentes de Estados Unidos, Xapón, China, Filipinas, Qatar, Romanía, Eslovenia, Serbia e Croacia. O alto interese das infeccións cirúrxicas está motivado por seguir sendo o problema máis importante da cirurxía –en todas as súas especialidades– no século XXI, tanto no relativo á morbilidade como no da mortalidade postoperatoria. Como explica o profesor Caínzos, a aparición de complicacións sépticas postoperatorias incrementa de xeito notorio o custe do postoperatorio do paciente cirúrxico, tanto polo importante alongamento da estadía hospitalaria como pola necesidade de aplicar coidados na ferida e pola utilización de antibióticos, que ademais, poden ser causa de importantes resistencias bacterianas en hospitais. Ademais, cando as infeccións afectan ao interior da cavidade abdominal ou ao pulmón, a mortalidade pode aumentar de xeito significativo. Un recente estudo publicado en abril de 2012 e realizado no hospital Mayo Clinic College of Medicine en Rochester (Estados Unidos), cifra o impacto económico das infeccións postoperatorias en máis de 900.000.000 de dólares por ano en USA. Como explica o catedrático da USC, esta cifra rexístrase no país que ten as menores taxas de infeccións, mentres que noutros países, como o caso de España, a incidencia das infeccións postoperatorias triplican á de Estados Unidos ou Canadá. O profesor Miguel Caínzos expresou a súa gran satisfacción así como o agradecemento por este inesperado recoñecemento internacional, especialmente europeo. O catedrático da USC vincula o éxito do curso ao ter contado cos mellores “líderes de opinión” a escala mundial neste importante problema cirúrxico.