Continúa aberto o prazo para inscribirse nas actividades deportivas da USC para xullo
A piques de rematar o mes de xuño, o Servizo de Deportes da Universidade de Santiago mantén abertos os prazos para inscribirse nas actividades que organiza para este verán a realizar no mes de xullo. As persoas interesadas poden elixir entre kung-fu, ioga, tai-chi, iniciación á danza, pilates, tenis e natación e actividades acuáticas. As inscricións deben formalizarse no primeiro andar da Piscina Universitaria en horario de mañá, nos teléfonos 881 815 071 e 881 815 073 ou a través da páxina web do servizo. Ruta polos Picos de Europa Do mesmo xeito, continúa aberto o prazo para inscribirse na ruta de sendeirismo por Espinama, na zona cántabra do Parque Nacional dos Picos de Europa, que terá lugar do 21 ao 25 de xullo.
A viaxe inclúe o transporte ata a zona, o aloxamento en media pensión e os desprazamentos diarios no autobús para facer as rutas, que se farán en compañía de dous monitores. As distintas rutas e visitas do percorrido poden consultarse xa na web.