Pasar al contenido principal

O Centro Nacional de Xenotipado que coordina Ángel Carracedo comeza unha nova etapa

As novas estruturas financiadas polo Instituto de Saúde Carlos III preséntanse o luns 25 en Madrid

O Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-ISCIII), creado en 2003 e actualmente Estrutura Estable de Investigación Cooperativa do Instituto de Saúde Carlos III, comeza unha nova etapa tras a súa reorganización. Desde xaneiro conta con dous nodos, en Santiago e Madrid, que ofrecen o coñecemento e infraestruturas necesarias para que a investigación xenética en España manteña un alto nivel competitivo. Esta nova etapa será presentada o próximo luns 25 ás 10.00 horas no Salón de Actos do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) (C/ Melchor Fernández Almagro, 3, 28029 Madrid). No acto intervirán o coordinador do CeGen-ISCIII e director do nodo de Santiago, o profesor da USC Ángel Carracedo; o director do nodo de Madrid, Javier Behnítez; e o subdirector xeral de Avaliación e Fomento da Investigación do ISCIII, Antonio L. Andreu. Tamén participará persoal investigador de distintos centros para explicar a súa experiencia coas distintas plataformas en relación ao cancro colorrectal ou de vexiga, o albinismo ou o risco cardiovascular. O CeGen-ISCIII naceu coa finalidade de dotar os investigadores e investigadoras de institutos, universidades, hospitais e empresas das tecnoloxías e o coñecemento necesario para a realización de proxectos de xenotipado a grande escala e baixo custe. Dende o seu inicio prestou servizo a máis de 500 investigadores de institucións públicas e privadas participando na consecución de máis de 800 proxectos, polo que se converteu nun servizo esencial para a investigación xenética en España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2012.