O Concello de Cervantes será a sede dun curso de verán da USC sobre desenvolvemento local

Baixo o título Desenvolvemento local: reserva da biosfera como recurso, a USC organiza no concello lugués de Cervantes un dos cursos da Universidade de Verán 2012, que se desenvolverá entre os días 18 e 21 de xullo no salón multiúsos da capital municipal. A actividade está dirixida polo profesor de Xeografía da USC Marcos Valcárcel Díaz, mentres que o responsable da secretaría é Valeriá Paül i Carril, investigador Parga Pondal da USC e profesor deste mesmo departamento. O curso arranca o día 18 co relatorio ‘Experiencias de desenvolvemento local en áreas de montaña: reflexións e valoración crítica’, a cargo de Juan Ignacio Plaza Gutiérrez, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidad de Salamanca. A continuación terá lugar unha mesa redonda sobre desenvolvemento local e áreas de montaña, con especial relación ás áreas protexidas. Antonio Fraga, xeógrafo da empresa Signo, impartirá unha charla sobre os Sistemas de Información Xeográfica (GIS, nas súas siglas en inglés). E a xornada inaugural péchase coa intervención do catedrático de Prehistoria da USC José Manuel Vázquez Varela, quen falará sobre o valor etnoxeográfico do territorio como patrimonio inmaterial. O día 19 o curso comeza coa participación do profesor de Xeográfia Física da Universitat Autònoma de Barcelona, Jordi Nadal Tersa, cun relatorio denominado ‘Transformacións paisaxísticas nunha montaña en transición: o caso do Pireneo catalán’, tras a cal o profesor de Xeografía. A planificación para o desenvolvemento como ferramenta para a contención do despoboamento rural será o tema arredor do que xire a intervención de José Antonio Aldrey, profesor titular de Análise Xeográfica Rexional da USC. Esta segunda sesión complétase cunha mesa redonda que leva por título ‘ Despoboamento fronte a espazos naturais. O medio rural percibido como un espazo de recreo’. A xornada do venres 20 estará integramente dedicada a unha saída de campo consistente nun percorrido pola contorna xeográfica do Concello de Cervantes. O encargado de dirixila será o director do curso, Marcos Valcárcel. O último día o programa inclúe un relatorio que leva por título ‘O desenvolvemento rural de base endóxena, participativa e social’, a cargo de Valeriá Paül, e unha mesa redonda denominada ‘ Espazo vivido, medio ambiente e protección. É o parque natural unha solución?’. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.