O prazo para participar na quinte edición dos Premios MECD–Universia á iniciativa OpenCourseWare remata o 14 de febreiro
O profesorado integrante da rede OpenCourseWare-Universia pode presentar a súa candidatura á quinta edición en España dos Premios Ministerio de Educación, Cultura e Deporte–Universia á iniciativa OCW ata o próximo 14 de febreiro. Aqueles profesores/as de universidades españolas que publicaran as súas materias na web OCW da súa universidade e que ademais as enlazaran a OCW-Universia, poden presentar as súas candidaturas ao Premio no enlace http://promociones.universia.es/microsites/premios/ocw/index.html. As materias presentadas deberán ter sido enlazadas a OCW-Universia entre o 1 de marzo de 2011 e o 14 de febreiro de 2012. Tamén poderán presentarse materias publicadas con anterioridade a esta data, sempre que incorporaran modificacións substanciais neste período. Un mesmo autor poderá presentar tantas materias como teña incorporadas á web OCW da súa universidade e enlazadas a OCW-Universia. A fase de votación por parte dos/as usuarios/as comezará o 14 de febreiro e finalizará o día 28 do mesmo mes. Concederanse un máximo de tres puntos de libre disposición para as materias de grao ou posgrao oficial candidatas ao Premio MECD-Universia ou ao Premio á Accesibilidade e un punto para aquelas materias pertencentes a outras titulacións. Premios O Premio MECD–Universia á iniciativa OCW está dotado con 6.000 euros para o autor/a ou autores/as da materia gañadora e, como novidade, este ano premiarase á oficina OCW da universidade gañadora con outros 4.000 euros. Entregaranse tamén dous accésits dotados con 3.000 euros e 1.000 euros para a oficina OCW, cada un, e o Premio á materia máis accesible, dotado con 6.000 euros para o autor/a ou autores/as e con 4.000 euros para a oficina OCW. Outra novidade será a entrega dunha mención á materia mellor valorada doutras titulacións dotada con 3.000 euros para o autor/a ou autores/as e 1.000 euros para a oficina OCW. Resolución dos premios O proceso de resolución dos premios componse de varias fases que van dende unha dobre votación por parte dos usuarios rexistrados en Universia e por parte das oficinas OCW universitarias españolas adheridas ao proxecto, ata a valoración por parte do Comité Editorial -órgano asesor de Universia- e a resolución final por parte dun xurado presidido xeralmente por un rector/a. Coñecemento en aberto Os proxectos educativos en aberto teñen cada vez máis peso no panorama universitario internacional. O OpenCourseWare é un dos mellores expoñentes deste movemento global que promove o acceso ao coñecemento de forma libre e sen restricións. A través do OCW site, os profesores de ensinanza superior ofrecen en aberto os seus materiais docentes, estando ademais dispoñibles neste formato ferramentas e recursos de implementación, software para a creación e uso do contido de aprendizaxe, sistemas de xestión de contidos, comunidades de aprendizaxe en liña ou licencias de propiedade intelectual que promovan a publicación de materiais en aberto. Desde 2005, máis dun centena rde universidades teñen subscrito este proxecto, permitindo a publicación de máis de 1.700 materias.