O artista Diego Santomé convida a reflexionar sobre o poder, a tensión e a memoria social nunha exposición en Fonseca

A mostra O triángulo e o ruído, de Diego Santomé (Vigo, 1966), é o resultado da colaboración entre o artista e os dezasete alumnos da V edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, que eles mesmos comisarían. Aberta ata o 30 de xuñono Colexio de Fonseca de luns a sábado, a exposición inaugúrase oficialmente ás 20.00 horas logo da presentación aos medios que tivo lugar esta mañá e na que participaron o vicerreitor de Cultura, Francisco Durán; o artista Diego Santomé; o coordinador do Master, Pedro de Llano; e as alumnas representantes do grupo comisario, Alba Marinha e Rocío Figueroa. Asistiu tamén a directora do proxecto, Agar Ledo. Canalizada a través dos materiais, O triángulo e o ruído convida ao espectador a reflexionar acerca do poder, a tensión e a memoria social por medio de dúas novas producións realizadas especificamente para a Capela e o Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. Na capela gótica instálase a obra ‘Triángulo’, un triángulo negro de 7,5 metros de altura que se erixe no espazo confrontándose co seu fondo. Xa na sala artesoada, que entre os anos 1982 e 1989 foi sede do Parlamento de Galicia, atópase a peza sonora ‘Ruído’, unha selección dos discursos das sesións parlamentarias que, fragmentados e manipulados polo artista, xeran unha sensación de angustia. Nesta situación desacougante, os altofalantes érguense, en palabras de Santomé, como “ cabezas parlantes”, figuras ameazantes que subliñan aínda máis a situación de colapso. Diálogo co espazo O triángulo e o ruídoestablece lazos co espazo, dialogando con este en clave de contraposición. As pezas parten dos ecos históricos dos lugares nos que se asentan para cuestionar a situación actual, amosando como unhas salas cargadas de historia se encaran co seu oposto para frutificar nunha tensión manifesta. O estilo arquitectónico da capela contrasta coa sinxeleza dunha forma xeométrica que eleva a mirada ao teito e, do mesmo xeito, o engalanado artesoado da sala contigua cede protagonismo á palabra, ao son. Mais os contrastes articulados nesta exposición non teñen vontade disgregatoria, senón que son unha mostra de como a tensión entre dúas entidades diferentes poden formar un equilibrio, revertendo nunha metáfora dos tempos actuais. Diego Santomé Nas súas producións Diego Santomé procura a coherencia e a consecuencia. Foxe das incoherencias entre o formato e a mensaxe botando man de materiais próximos, existentes, de arquivo e, en moitos casos, de desfeito, que falan por si mesmos. Outras veces as imaxes dos seus filmes aproximan ao espectador a realidades pasadas que se recoñecen presentes. Esta austeridade e desprezo do superfluo en vida e arte aproxímano ao minimalismo na súa expresión artística. A Bauhaus, a arquitectura, os movementos sociais e culturais das décadas de 1960 e 1970, coa súa iconografía estética de reprodución –a Polaroid ou o Super8–, devólvennos a un intre histórico por medio de formatos que funcionan como arquivos do tempo. Santomé expresa, asemade, gran interese polos movementos actuais neoconceptualistas de América Latina, que o devolven aos cambios culturais, políticos e á tensión do seu Vigo natal de finais do XX. Non lle interesa a arte política (partidista), mais si a arte como ferramenta política. Dende a súa linguaxe conceptual, as súas obras incitan de xeito crítico a revisar a nosa sociedade. Santomé vive e traballa en Nigrán (Pontevedra). Amosou a súa obra en exposicións individuais en Artium, Museo-Centro de Arte Contemporáneo vasco; no Museo de Arte Contemporánea de Vigo; no Museo de Arte Contemporáneo de Gas Natural Fenosa na Coruña; na Fundación Rosón de Arte Contemporáneo de Pontevedra ou nas galerías Bacelos e Parra & Romero. Formou ademais parte da exposición colectiva Gravity and Disgrace. Ep. 1, no Centro Galego de Arte Contemporánea; en Poco antes de la tormenta conviene un poco de humor, unha colectiva a partir dos fondos do CGAC no Centro Torrente Ballester de Ferrol; e en propostas para MOT INTERNATIONAL (Londres); Bozar (Bruxelas); ou a 29ª Bienal de Pontevedra. De esquerda a dereita, Rocío Figueroa, Alba Marinho, Francisco Durán, Pedro de Llano e Diego Santomé (Foto: Alfonso SERVIMAV)