A EPS de Lugo expón os mellores traballos dos alumnos do máster en Arquitectura da Paisaxe
O director da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo, Javier Bueno Lema, exerceu de anfitrión no acto de presentación da exposición que reúne os mellores traballos realizados polos alumnos do máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, organizado conxuntamente pola Universidade da Coruña e a USC, esta última representada a través da EPS. Ademais de Javier Bueno, na inauguración da mostra estiveron presentes a coordinadora do máster por parte da USC, Isabel Iglesias Díaz; a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre de Urcola; e José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, que tamén forma parte da organización deste posgrao. Isabel Aguirre destacou “a necesidade de concibir a paisaxe como un ben común, como unha construción que facemos as persoas a partir dos medios naturais que forma parte da riqueza colectiva. E como tal, temos que protexela e buscarlle solucións desde as diferentes disciplinas aos problemas que se derivan da intervención humana sobre o medio natural”. Os traballos expostos recollen intervencións no terreo de moi diverso tipo, aínda que todas co obxectivo común de buscar solucións a problemas de impacto na paisaxe ou de protección do contorno. Tamén as localizacións dos estudos son múltiples: desde o río Anllóns ao seu paso por Carballo ata o contorno da Torre de Hércules da Coruña, pasando pola rexeneración paisaxística das Pontes de García Rodríguez ou os labores de acondicionamento das beiras do río Miño e a súa integración na cidade de Lugo. O máster de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega comezou a súa andaina no ano 2006 e está dirixido a profesionais da arquitectura, bioloxía, xeografía, xeoloxía ou as enxeñerías agrícola, de montes, de camiños e de minas. Javier Bueno, director da EPS, a carón dun dos traballos que se presentan na mostra