A Cátedra Valente da USC participa na Feira do Libro de Arte en Barcelona
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC e o seu director, o profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer, participan na Feira internacional do Libro de Arte e Deseño Arts Libris 2012, que se inaugurará este venres 20 de abril no espazo Arts Santa Mónica de Barcelona, dirixido polo poeta Vicenç Altaió. A feira contará con 78 expositores de diversos lugares do mundo e ofrecerá talleres, presentacións e mesas redondas relacionadas co libro de arte. Entre as exposicións figura ‘A palabra e a súa sombra. Antoni Tàpies e José Ángel Valente’, comisariada por Rocío Santa Cruz, na que se exporán os libros de Valente publicados con obras de Tàpies e todas as publicacións da Cátedra Valente, cuxo logotipo se debe precisamente ao pintor catalán recentemente falecido. Ademais, todos os libros da Cátedra Valente contan con obra de artistas dalgún xeito relacionados co poeta, como é o caso dos galegos Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño ou Sara Lamas, así como da propia viúva do poeta, Coral Valente. Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC e especialista na obra do autor de Punto cero, falará o domingo 22 de abril das relacións persoais e artísticas entre o escritor galego e o pintor catalán, que colaboraron en numerosos proxectos ao longo da súa vida.