O Grupo de Creación Musical da USC presenta en Lugo a cuarta edición do programa ‘Sons Creativos’

O Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, organiza en Lugo por cuarto ano o encontro ‘Sons creativos’, que nesta edición se celebrará os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber. Esta cuarta edición do certame estará dedicada ao compositor José Luis Carles Arribas, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro e interacción entre estímulos visuais e auditivos. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa integrado baixo o título común ‘Música e natureza’. No acto de presentación do encontro, que se celebra o martes 24 ás 11.30 horas no salón de plenos do Concello de Lugo, participan o vicerreitor de Coordinación do campus lucense, Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; o xefe de servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a directora do GCMUS, Inmaculada Cárdenas. Este encontro enmárcase dentro da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012.