O concerto de Abe Rábade Trío pecha en Lugo o ciclo Unijazz 2012

O ciclo de concertos Unijazz, que forma parte da oferta do programa Lugo Cultural 2012, chega á súa fin o luns 23 coa actuación do Abe Rábade Trío. A cita será no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo a partir das 20.00 horas, e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala. A formación liderada polo pianista Abe Rábade interpretará en directo composicións dos seus últimos álbumes: Zigurat (premiado en 2010 como o mellor disco de jazz do ano) e A Modo, que se presenta estes días. Rábade, a principal figura de referencia do jazz en Galicia, participa, ademais de neste proxecto, noutros como ‘GHU! Project’, o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra ou o trío Nordestin@s, con Guadi Galego e Ugia Pedreira. Xunto ao pianista, conforman a banda o contrabaixo Pablo Martín Caminero e o batería Bruno Pedroso, integrantes do grupo desde o ano 2008. Abe Rábade Trío aposta por unha forte exploración rítmica e harmónica, sen esquecer o gusto manifesto polo melódico. Non faltarán as chiscadelas ao repertorio do jazz máis ortodoxo, pero tampouco as fusións con outros estilos. “No noso grupo fíltranse de maneira natural ritmos da máis diversa procedencia, na busca dunha proposta musical que aposta pola intuición e a harmonía entre nós, e a complicidade cos oíntes”, explican os compoñentes de Abe Rábade Trío.