Catro spin-off da USC, entre os principais casos de éxito en innovación empresarial da comunidade galega

Catro empresas xurdidas nos laboratorios da Universidade de Santiago forman parte dun novo catálogo que a Consellaría de Economía e Industria acaba de editar en forma de publicación que presenta casos de éxito no eido da innovación empresarial en Galicia. Co título i.20. Innovación empresarial en Galicia. 20 de casos de éxito, o obxectivo da selección realizada pola administración autonómica galega é dar difusión á experiencia de xeito que poida servir como referente ou motivación para pequenas e medianas empresas de toda Galicia e de todos os sectores de actividade. Galchimia, Innolact, Nanogap e Neoker son os nomes propios de catro iniciativas xurdidas da actividade de investigadores da Universidade compostelá que hoxe se erixiron en nomes propios de gran proxección internacional nos seus respectivos ámbitos de actividade. O seu denominador común é a súa vinculación coa USC, froito do traballo e know how acumulado en anos de labor investigador hoxe proxectado á sociedade en forma de novo coñecemento e iniciativas empresariais. Na base dese denominador común atópase a aposta da USC a prol dunha cultura do emprendemento apoiada en iniciativas como a incubadora de empresas (Uninova) ou nos concursos de proxectos e ideas empresariais innovadores, entre outros. Neste senso, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) emprazada no edificio Emprendia é o novo punto de referencia para toda a rede de ferramentas que a USC estableceu neste eido. A infraestrutura dispoñible en Emprendía permite atender os procesos de emprendemento xurdidos na USC, incluíndo a detección e maduración da idea, o asesoramento, o financiamento e a incubación, sempre baixo a coordinación da AVTE. Outro instrumento que coordina a AVTE é o programa ‘Empresa-Concepto’ impulsado polas tres universidades galegas e polo Consello Superior de Investigacións Científicas, co financiamento de varias consellarías da Xunta de Galicia coordinadas pola de Traballo e Benestar. O programa pon a disposición destes centros de investigación os recursos financeiros e humanos que posibilitan a creación de empresas de base tecnolóxica xurdidas de resultados de investigación. Neste capítulo, o catálogo con casos de éxito agora presentado fai referencia a outras dúas empresas apoiadas por ‘Empresa-Concepto’, Bit Oceans e Umana, ambas as dúas impulsadas por investigadores vigueses e no caso da primeira premiada polo VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. Casos de éxito No caso de Galchimia, entre os seus clientes se atopan as farmacéuticas Almirall, Palau Pharma ou Esteve, ademais de traballar para diferentes tecnolóxicas como Noscira, Midatech ou Genmedica. O seu é o modelo dunha empresa que aposta pola innovación como base fundamental, sen esquecer a internacionalización a través dun servizo especializado en química co que ten logrado un alto grao de competitividade grazas á relación calidade-precio dos seus servizos. Innolact Esta é unha empresa luguesa que xorde en 2006 como spin-off impulsada por varios investigadores da Aula de Produtos Lácteos da USC. Na súa carteira de produtos figuran máis de 30 variedades diferentes de queixo, conformando unha oferta de alimentos orixinais tanto no relativo a sabores como na súa presentación. Innolact pode moldear baixo petición dos seus clientes compoñentes específicos como o sabor, a textura ou o comportamento do queixo. A empresa é un exemplo de innovación aberta baseada nas demandas dos seus clientes. Nanogap O futuro desta iniciativa empresarial está orientado a situar a súa actividade en posicións de liderado mundial no ámbito das partículas subnanométricas, así como un referente en nanopartículas. O camiño elixido é o da innovación e o desenvolvemento de produtos únicos no mercado. Polo de agora, Nanogap ten sido recoñecida como a empresa máis innovadora de España na área de materiais, galardón outorgado pola Empresa Nacional de Innovación (ENISA) e o 1º premio en Galicia e o 5º premio nacional do certame Emprendedores XXI en 2011. Neoker
O obxectivo desta sociedade é a produción industrial de novos materiais para a industria aeroespacial, aeronáutica e de automoción de alta competición, entre outras aplicacións. A súa proposta innovadora aséntase no desenvolvemento de material cerámico en fibras cuxa natureza permite fabricar composites en base metálica, cerámica ou polimérica, mostras todas elas de materiais de reforzo ultralixeiros con multitude de aplicacións.