Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación acollerá a vindeira semana un curso de iniciación á construción e aos usos dos mapas conceptuais

O curso de iniciación á construción e aos usos dos mapas conceptuais celebrarase a vindeira semana entre os días 9 e 12 na Facultade de Ciencias da Educación en Campus Vida en horario de 16.30 a 19.30 horas. As persoas interesadas aínda se poden matricular ata este martes 3 para o que deberán enviar un correo electrónico a laura.lodeiro [at] usc.es (laura[dot]lodeiro[at]usc[dot]es) indicando o nome completo e o título do curso. Aínda que con pequenas intervencións expositivas por parte da profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Laura Lodeiro, a meirande parte do taller desenvolverase a través de actividades interactivas nas que os participantes irán descubrindo ou poñendo en práctica os contidos recollidos anteriormente. O programa arrancará cunha serie de cuestións conceptuais arredor do tema para logo pasar a avaliar aspectos de carácter técnico dos mapas conceptuais, rematando co seu uso como recursos didácticos e ferramentas de análise cualitativa. O obxectivo que se persegue con esta iniciativa da Asociación de Investigadores Herminio Barreiro é reflexionar sobre o significado e sentido dos mapas conceptuais, levando asociado unha introdución ao manexo da aplicación informática CmapTools para construír mapas conceptuais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.04.2012.