Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo celebra a entrega de insignias aos novos enxeñeiros técnicos industriais galegos

O acto está organizado conxuntamente pola USC e as universidades da Coruña e Vigo

A Facultade de Ciencias de Lugo será nesta ocasión a sede da entrega de insignias á promoción 2011 dos enxeñeiros técnicos industriais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, un acto que desde hai anos se celebra en cada unha das tres universidades galegas de xeito rotatorio, co apoio do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, do que forman parte todos os colexios galegos desta especialidade profesional. No Salón de Actos da Facultade daranse cita o venres 25, a partir das 19.00 horas, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o concelleiro de Servizos Xerais de Lugo, Francisco Fraga; o deputado delegado de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Juan José Díaz Valiño; o presidente do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Jorge Rivera Gómez; o director da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, Juan Pou Saracho; o secretario da Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, José Antonio López Vázquez; e o decano da Facultade de Ciencias de Lugo, José Manuel Martínez Ageitos. O acto contará tamén coa presenza de representantes de todas as delegacións que o colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais ten en Galicia. Ademais da entrega de insignias aos novos titulados (preto de 90 estudantes procedentes das tres universidades galegas), haberá tamén unha mención especial para os mellores expedientes das especialidades impartidas en cada unha das facultades. Antes da imposición das insignias, o responsable de Contratación de Alúmina Aluminio (grupo Alcoa), Julio Fernández Robles, pronunciará a conferencia titulada “Estratexias para vivir nun contorno profesional competitivo”. Robles, enxeñeiro técnico industrial, ten unha ampla experiencia laboral en ámbitos como as artes gráficas, sistemas de papel continuo, comercialización de máquinas e ferramentas e útiles de corte.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.05.2012.