A comunidade universitaria de Lugo está chamada a participar nun proxecto colectivo sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro
A comunidade universitaria do Campus de Lugo está chamada a colaborar nun proxecto colectivo de promoción cultural pioneiro en Galicia, con motivo do centenario do nacemento do escritor Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912). A iniciativa, que leva por nome ‘O son da nosa fala. Celso Emilio Ferreiro. Cen anos’, está impulsada polo grupo Radio Lugo – Cadena SER, e ten como obxectivo recompilar un milleiro de fragmentos biográficos e literarios lidos por persoas procedentes dos máis diversos ámbitos, entre eles o universitario (estudantes, docentes e demais membros da institución), que se emitirán a un ritmo de tres cada día ata o 31 de decembro. Os interesados en participar neste proxecto poden realizar a gravación dos textos nos propios estudios da emisora na cidade de Lugo ou tamén facendo chegar o arquivo de son a través do correo electrónico: clubdeopinion [at] radiolugo.info (clubdeopinion[at]radiolugo[dot]info).