Comezan en Lugo as actividades de ‘Punto e seguido’, unha nova proposta na que se integran música, danza e teatro
O luns 21 inicia a súa actividade o programa ‘Punto e seguido’, un novo espazo cultural organizado desde a área de Cultura da USC no Campus de Lugo que nace co obxectivo de amosar os traballos que, nas diferentes artes escénicas e musicais, xurdiron neste curso académico froito das actividades formativas e de creación que se desenvolven en Lugo, con especial atención aos proxectos dos grupos universitarios, tanto oficiais como independentes. A primeira cita será ás 18.00 horas na Facultade de Veterinaria, onde se presenta a instalación-intervención 21 homes ocos, do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago (GCSUS) dirixido pola catedrática da USC Inmaculada Cárdenas. A proposta está inspirada na técnica do psicodrama e na posibilidade de curación a través dos sons. Ás 20.00 horas, no auditorio Gustavo Freire a Compañía de Danza da USC en Lugo representa A escoita do corpo, “unha viaxe polo noso mundo interior partindo do son do latexar do noso corazón”, tal como explica Juan Carlos Zahera, director do Espazo de Danza da USC e director artístico da obra. A continuación, a Compañía da USC MU-danza pon en escena a coreografía Vinte caixas. O espectáculo péchase coa estrea de Amélie (peza inspirada no filme do mesmo nome) a cargo do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. ‘Punto e seguido’ forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012 no que, ademais da USC, participan a Xunta de Galicia e a Deputación e o Concello de Lugo. As actividades seguiranse desenvolvendo en diferentes espazos da cidade de Lugo e do seu campus ata o luns 28, e o acceso a todos os espectáculos é gratuíto.