Danzando na USC da man de Yuko Hashimoto

A danza contemporánea encherá de novo o espazo da Igrexa da Universidade, esta vez da man da bailarina xaponesa Yuko Hashimoto, que impartirá un taller entre os días 22 e 24 de maio no que o alumnado poderá ademais experimentar coa danza medicinal xaponesa. As tres xornadas de traballo, de 16.00 a 19.00 horas, culminarán o xoves 24 ás 20.30 horas nunha performance pública cos alumnos e alumnas. Xa o sábado 26, tamén na Igrexa, a propia Hashimoto actuará ás 20.30 horas acompañada da bailarina Nanako Horikawa e coa música ao piano de Kanako Horikawa. O taller ten un custo de 20 euros para a comunidade universitaria e de 50 para o público xeral. As persoas interesadas en participar poden pedir máis información na Área de Cultura da USC, nos teléfonos 881811103 e 881811018. Dilatada experiencia Yuko Hashimoto, bailarina xaponesa con nacionalidade norteamericana, formouse en pedagoxía e danza nas universidades de Gakugei e Ochanomizu de Tokio e no Centro Brockport da Universidade do Estado de Nova York onde actualmente desenvolve a súa actividade. Está especializada en pedagoxía da danza na educación escolar e en danza somática aplicada a terapias de mobilidade. Entre as súas coreografías destacan ‘Addicted Passion’, ‘Surge’, ‘Booooon’, ‘Hokage’, ‘Memento’, ‘Super 5’, ‘ Li-ve-rve’ e ‘Merge’.