RedEmprendia aproba en Murcia un intenso plan de acción para 2012

A RedEmprendia que preside o ex reitor da USC, o catedrático Senén Barro Ameneiro, reuniuse recentemente en Murcia para celebrar a súa asemblea xeral á que asistiron representantes das universidades que forman a rede e dos seus socios institucionais, Banco Santander e Universia. Barro, que renovou por dous anos o seu mandato á fronte da Rede, destacou na xuntanza que dende a súa fundación a rede “deu un salto cualitativo no seu funcionamento e no alcance das súas actividades”. Proba diso é o Plan de Acción 2012 aprobado en Murcia co que se busca dar continuidade aos proxectos postos en marcha e iniciar novas liñas de actuación para promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. O Plan inclúe o lanzamento de dúas liñas editoriais propias en colaboración coa editorial NetBiblo -‘Estudios RedEmprendia’ e ‘Pocket RedEmprendia’- que se editarán tanto en papel como en formato electrónico. A primeira dedicarase a informes, estudios e análises realizados pola rede universitaria ou coa súa colaboración, mentres que a segunda será una colección de libros sobre temas de actualidade no ámbito do emprendemento ou relacionados, elaborados con rigor pero dirixidos a un público amplo e non necesariamente experto. Durante este ano está prevista a publicación de dous volumes desta serie, así como tres títulos dentro de ‘Estudios RedEmprendia’. Novo modelo de transferencia de resultados RedEmprendia iniciará tamén este ano o proyecto AcTTIBa, unha iniciativa innovadora para crear un modelo de transferencia de coñecemento e tecnoloxía activo, internacional e en rede. Mediante unha plataforma tecnolóxica, AcTTIBa busca conectar os intereses dos grupos de investigación das súas universidades, das persoas emprendedoras instaladas nas súas incubadoras e das pequenas e medianas empresas do seu entorno para proporcionarlles ferramentas avanzadas de transferencia de tecnoloxía, incluído o asesoramento para a sinatura de acordos. Este proxecto comezará este ano como experiencia piloto e coa participación das Universidades de São Paulo, Politécnica de Valencia e o Sistema Tecnolóxico de Monterrey, coordinados polo Parque Científico de Madrid baixo a supervisión de RedEmprendia. Crecendo día a día O presidente de RedEmprendia fixo balance de actividades levadas a cabo pola Rede, como o programa Hospedaje, no que están a participar 9 empresas e profesionais que intercambiarán experiencias. Ademais, incorporáronse ao directorio máis de 350 empresas vinculadas ás universidades, parques científicos e tecnolóxicos e incubadoras da Rede. Así mesmo, RedEmprendia está prestando apoio directo a 23 empresas e 19 proxectos empresariais moi maduros a través de ‘Novos emprendedores: aprendendo a emprender’, pensado para formar en empresas doutro país a universitarios que están desenvolvendo o seu propio proxecto empresarial, e o programa ‘Fomento do emprendemento académico’, que está dando soporte a 15 emprendedores de nove universidades españolas vinculadas aos Campus de Excelencia Internacional.