Pasar al contenido principal

O Salón Nobre de Fonseca celebra o oitenta aniversario da Misa de Rosalía

Este ano cúmprese o oitenta aniversario da celebración en San Domingos de Bonaval da terceira Misa de Rosalía da que consta documentación, organizada en 1932 por Xosé Mosquera Pérez e Manuel Beiras García. Para conmemorar esta data, o Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá este xoves 10 un acto que á vez servirá de homenaxe a eses dous iniciadores. O acto dará comezo ás 19.30 horas cunha intervención do profesor da USC Carlos Baliñas que contextualizará historicamente a Misa de Rosalía para logo continuar coa homenaxe propiamente dita da man do profesor Marcelino Agís, que entregará un agasallo conmemorativo aos representantes das familias de Xosé Mosquera e Manuel Beiras, concretamente á filla do primeiro, Dolores Mosquera de Cerqueiro, e á neta do segundo, Mina Beiras Torrado. A terceira misa

A primeira misa en lembranza de Rosalía en San Domingos de Bonaval foi a do seu funeral celebrado o 26 de maio de 1891, o día seguinte do traslado dos seus restos mortais dende Iria Flavia a Santiago. A segunda misa documentada celebrouse o 29 de xullo de 1899 como homenaxe do Centro Gallego de Bos Aires. A terceira, é a do ano 1932, que introduce un feito diferencial importante por canto a partir de entón se celebrará todos os anos na véspera ou no Día de Galicia, “ dando inicio a unha tradición galeguista practicamente ininterrompida ata hoxe”, din os organizadores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2012.