Comezan en Lugo, Ribadeo e Guitiriz tres novas actividades formativas dentro da oferta da USC para este verán

O mércores 18 comezan na provincia de Lugo tres novos cursos enmarcados na oferta formativa da USC para este verán. Na capital lucense, a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo será a sede do curso Seguridade alimentaria e nutrición: actualidade e novos enfoques, que se desenvolve ata o venres 20 baixo a dirección dos profesores Alberto Cepeda Sáez e Jesús Sánchez Rocha. O Cine-Teatro de Ribadeo acolle a partir das 9.30 horas o acto inaugural do curso Arte e patrimonio na Mariña luguesa: un motor para o desenvolvemento comarcal, no que participan o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga Outeiro; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra; e José Manuel López Vázquez, codirector do curso. Ás 10.30 horas, na Casa Habanera de Guitiriz, terá lugar a inauguración do curso A paisaxe nas ciencias, nas artes e nas letras, dirixido por Roxelio Pérez Moreira e de cuxa secretaría se encargou o profesor Francisco Javier López González, ambos os dous profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo. No acto intervirán o reitor da USC, Juan Casares; o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido; a concelleira de Cultura da localidade, Manuel Carballeira García; e os responsables do curso. Actividades xa iniciadas Na provincia da Coruña seguen desenvolvéndose os seguintes cursos, iniciados os días 16 e 17: Educación e cultura marítima en Galicia (Ribeira); e O medio ambiente en Galicia. Unha visión multidisciplinar, Elaboración de traballos académicos e presentacións con látex, Fronteiras da fotónica e tecnoloxías láser, Química: a ciencia que envolve a nosa vida, Single cell analysis: new approaches in biomedical omics, Cooperación policial e xudicial internacional: aspectos civís e penais e Cooperación policial e xudicial internacional: aspectos civís e penais, todos eles en Santiago de Compostela, onde o xoves 19 se inicia o curso Aprender en comunidade: estratexias educativas en tempos de crise económica e social. Na provincia de Lugo continúan as seguintes actividades, iniciadas o luns 16: Produción agroecolóxica (Ribadeo), Alimentación e actividade física: a súa importancia no proceso de atención a persoas afectadas por cancro (Guitiriz), O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo: sectores forestal, agropecuario e de servizos (Sarria) e Retos e oportunidades para as novas xeracións de profesionais veterinarios (Lugo capital). Seguen desenvolvéndose tamén os cursos de Seguridade viaria e Razas de cans autóctonas de Galicia, que comezaron este martes 17, día no que remata o curso Ferramentas para a formulación e avaliación de proxectos, impartido tamén na capital lucense. Finalmente, os cursos da provincia de Pontevedra Aspectos ecotoxicolóxicos das floracións de cianobacterias en augas continentais (Vilagarcía de Arousa) e Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: educar na comunicación igualitaria (Lalín), que comezaron o martes 17, continúan ata o xoves 19 e o venres 20, respectivamente.