Pasar al contenido principal

Alumnado de 22 países participa nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantado estranxeiro

Alumnado de 22 países participa nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantado estranxeiro
Alumnado de 22 países participa nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantado estranxeiro

Máis de 150 persoas chegadas de 22 países de todo o mundo asisten este mes na USC aos cursos de verán de Lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español como lingua estranxeira que organiza Cursos Internacionais.

Todas elas participaron no Paraninfo da Universidade na inauguración que presidiu o reitor Juan Casares e na que tamén interviñeron o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud. O vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, o catedrático de Filoloxía Alemá Víctor Millet, pronunciou a conferencia ‘Don’t worry, que malo será. Códigos culturais na aprendizaxe de español’. A multiculturalidade é unha das características definitorias destes programas, que reúnen en Compostela estudantes de Alemaña, Arabia Saudí, EEUU, Canadá, Brasil, Grecia, Francia, Corea, Reino Unido, Finlandia, Guatemala, México, China, Suecia, Irlanda, Israel, Palestina, República Dominicana, Italia, Rusia, Xapón e Nepal, entre outras procedencias. Moitas destas persoas acoden a Santiago grazas a diversos acordos establecidos con universidades e centros educativos e culturais como son en Estados Unidos o Suffolk Count Community College, a Suny at Old Westbury e a Hosftra University de Nova Iorke; o Metropolitan Denver College de Colorado, o Loras College de Iowa; a Texas Tech University Health Sciences Center e a Washburn Topeka. A colaboración esténdese á British Columbia University de Canadá, ao St. Clare´s Oxford de Reino Unido, á King Saud University de Arabia Saudí e á Asociación Cultural Caballeros de Santiago, á Universidade Católica do Río de Janeiro e á Asociación Casa de España de Río de Janeiro, estas tres últimas do Brasil. Outras actividades Ademais, nestes momentos un grupo de 15 docentes dos Estados Unidos están a cursar un programa de actualización didáctica e cultural ao abeiro do convenio entre a USC e a Consellería de Educación da Embaixada de España en Washington. Trátase do Curso de lingua e cultura españolas sobre O Camiño de Santiago, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural dos participantes no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo. A isto súmase a Escola de Verán que a Open University (Reino Unido) desenvolverá durante todo este mes na universidade compostelá en colaboración con Cursos Internacionais que traerá cada semana cen novos estudantes para participar nun programa intensivo de inmersión lingüística e cultural. Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden clases de lingua para o estudantado e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para o profesorado. Estes cursos inclúen seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes aspectos da realidade de España e de Galicia. E dado que a experiencia cultural é unha parte fundamental da aprendizaxe lingüística, as clases compleméntanse cun amplo programa de actividades culturais que inclúen visitas guiadas á cidade, ao Patrimonio da USC, sesións de cine, conferencias, museos, aulas itinerantes e excursións. No mes de xullo os itinerarios ofrecidos son o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Lugo e O Camiño de Santiago e A Coruña e Rías Altas. Compostelando Cursos Internacionais convoca tamén a 5º Edición do Concurso de Fotografía Compostelando co obxectivo de que todo o estudantado estranxeiro capte a imaxe que para el reflicte a vida na universidade e/ou na cidade compostelá. Colaboran nesta iniciativa a Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC e a Concellaría de Turismo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.07.2012.