Remata o prazo de inscrición do 2º Foro Nanovalor
O 2º Foro Nanovalor sobre ‘Retos e oportunidades empresariais da Nanotecnoloxía’ busca crear un espazo de debate sobre as posibilidades de negocio e transferencia á industria da Nanotecnoloxía. Este martes 10 remata o prazo de inscrición desta iniciativa da USC, FEUGA e AIMEN, socios galegos de Nanovalor. As persoas interesadas deberán remitir o boletín de inscrición a proyectosinnovacion [at] feuga.es (proyectosinnovacion[at]feuga[dot]es). O programa do Foro e o boletín de inscrición poden consultarse en liña. Este Foro é unha actividade enmarcada dentro do Proxecto NANOVALOR e financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. O seu obxectivo é a creación dun Polo de Competitividade para a promoción dun maior coñecemento das capacidades de institucións e empresas no ámbito da Nanotecnoloxía. Neste proxecto participan ademais da USC, entre outros, a Universidade do Porto, o International Iberian Nanotechnology Laboratory, a Universidade do Minho, FEUGA e AIMEN. A xornada divulgará as posibles aplicacións industriais da nanotecnoloxía en sectores tan dispares como son a biomedicina, os novos materiais, as tecnoloxías da información ou as comunicacións, entre outros. Como sinalan os expertos, nestes momentos de crise económica, a nanotecnoloxía pode xogar un papel relevante no incremento da competitividade das empresas, xa que os seus múltiples e variados usos, poden servir como modernizador do tecido produtivo. Aínda que as súas aplicacións son evidentes, contan cun hándicap notable no gran descoñecemento que dende o mundo da empresa existe sobre esta tecnoloxía emerxente. O evento ten dúas partes ben diferenciadas: unha divulgativa, onde tanto investigadores como empresas exporán as súas experiencias no uso das nanotecnoloxías e, no caso destas últimas, como se ten traducido nunha mellora tanto dos procesos como dos produtos e, por tanto, na modernización e internacionalización do seu negocio. A segunda parte estará máis orientada cara ao debate entre aqueles actores que directa ou indirectamente poidan achegar fórmulas para facer máis accesible esta tecnoloxía ao público en xeral e a empresas con potencial para a súa utilización.