As oportunidades de negocio da nanotecnoloxía reúne a representantes do sector empresarial e expertos

Representantes do ámbito empresarial, expertos e investigadores en nanotecnoloxía reuníronse este xoves en Santiago arredor do 2º Foro Nanovalor para tratar os retos e oportunidades empresariais que ofrece a nanotecnoloxía e particularmente sobre as posibilidades de negocio e transferencia á industria. Desenvolvidas pola USC, AIMEN e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), o reitor Juan Casares presidiu o acto inaugural, acompañado do vicepresidente de Feuga, Julio César Paredes Seoane, e do director xerente da Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN), Jesús Lago. Vasco Teixeira, vicerreitor de Investigación da Universidade de Minho, abriu o programa da xornada coa presentación do proxecto Nanovalor en Galicia, ao que lle seguiu Alejandro Pan, do Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, e Antonio Correia, presidente de Phantoms Foundation, que mostraron iniciativas de alcance internacional no ámbito da nanotecnoloxía para promover o desenvolvemento empresarial e económico. Representantes de diversos sectores industriais participaron nunha mesa redonda que prestou atención ás experiencias empresariais sobre a aplicación da nanotecnoloxía, o que deu paso a unha sesión sobre o valor da investigación neste ámbito, coa participación de investigadores das universidades de Santiago, Vigo e Minho. Un taller de boas prácticas a partir das 16.00 horas pechará o Foro. Este Foro é unha actividade enmarcada dentro do Proxecto NANOVALOR e financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. O seu obxectivo é a creación dun Polo de Competitividade para a promoción dun maior coñecemento das capacidades de institucións e empresas no ámbito da Nanotecnoloxía. Neste proxecto participan ademais da USC, entre outros, a Universidade do Porto, o International Iberian Nanotechnology Laboratory, a Universidade do Minho, FEUGA e AIMEN. A xornada divulgará as posibles aplicacións industriais da nanotecnoloxía en sectores tan dispares como son a biomedicina, os novos materiais, as tecnoloxías da información ou as comunicacións, entre outros. Como sinalan os expertos, nestes momentos de crise económica, a nanotecnoloxía pode xogar un papel relevante no incremento da competitividade das empresas, xa que os seus múltiples e variados usos, poden servir como modernizador do tecido produtivo. Aínda que as súas aplicacións son evidentes, contan cun hándicap notable no gran descoñecemento que dende o mundo da empresa existe sobre esta tecnoloxía emerxente. O evento ten dúas partes ben diferenciadas: unha divulgativa, onde tanto investigadores como empresas exporán as súas experiencias no uso das nanotecnoloxías e, no caso destas últimas, como se ten traducido nunha mellora tanto dos procesos como dos produtos e, por tanto, na modernización e internacionalización do seu negocio. A segunda parte estará máis orientada cara ao debate entre aqueles actores que directa ou indirectamente poidan achegar fórmulas para facer máis accesible esta tecnoloxía ao público en xeral e a empresas con potencial para a súa utilización.