A Unidade de Xestión Forestal Sostible da EPS de Lugo colabora na elaboración do primeiro inventario forestal nacional de México
A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo (http://www.usc.es/uxfs/) traballa desde hai anos en colaboración cun grupo de investigadores de México de cara á elaboración do inventario forestal deste país, que ata agora non dispón dun catálogo exhaustivo deste tipo. Desde o ano 2007 integrantes da UXFS, encabezados polo profesor Juan Gabriel Álvarez, desenvolven labores de asesoramento e visitas periódicas a México, para facer un seguimento in situ dos traballos de inventariado forestal. Do mesmo xeito, investigadores mexicanos realizan estadías no Campus de Lugo para aproveitar a experiencia galega. Estes días visita Galicia Javier Corral, responsable do proxecto e profesor de Ciencias Forestais da Universidad Juárez de Durango. Precisamente no estado de Durango é onde hai cinco anos comezaron os labores do inventario forestal mexicano. Con 5 millóns de hectáreas de bosques, Durango é o estado con maior produción madeireira de México (máis do 30% do total do país), e nel o sector forestal representa arredor do 8% do produto interior bruto. Desde 2007, outros cinco estados mexicanos pasaron a formar parte do estudo, de xeito que na actualidade arredor do 40% da superficie total do país está xa inventariada, con áreas distribuídas nas partes norte, central e sur do seu territorio. Esta actividade conxunta desenvólvese no marco dun proxecto europeo denominado ‘Rede de Investigación en Manexo Sostible de Ecosistemas Terrestres (RIMSET)’, do que ademais da USC tamén forman parte outras universidades españolas, como Oviedo ou León, ademais de institucións académicas do resto de Europa e de México. Características diferenciais A superficie forestal mexicana posúe unhas especificidades que a fan moi distinta á galega. A principal diferenza é que, fronte aos montes galegos, nos que o habitual é plantar unha soa especie (piñeiro, eucalipto, carballo...), en México é moito máis frecuente o bosque natural, no que a mestura de especies é predominante. “Actualmente a tendencia en Europa é volver a estes bosques naturais que aquí foron desaparecendo na busca dun maior beneficio económico. A mestura de especies non significa necesariamente unha menor rendibilidade, e as vantaxes sociais, paisaxísticas e sobre a biodiversidade do ecosistema son evidentes. Así é todo, no caso de Galicia este cambio resulta máis complicado, pola estrutura da propiedade e a dimensión das parcelas”, indica Juan Gabriel Álvarez. As principais especies de explotación forestal mexicanas son o piñeiro (arredor de dez variedades), o abeto e a familia dos quercus (carballos, aciñeiras...). O eucalipto non se contempla como posibilidade de plantación, xa que a lexislación do país non permite o emprego de especies non autóctonas. As vantaxes de dispoñer dun inventario forestal son múltiples, e a principal delas “é que así sabemos o que temos, e como medra, para poder calcular a colleita óptima en función dos nosos intereses ou necesidades”, explica Juan Gabriel Álvarez. Para o estudo das parcelas que forman parte deste inventario forestal emprégase a aplicación informática GesMO, desenvolvida na EPS de Lugo, e que para o caso mexicano se modificou para adaptarse ás súas características específicas. Colaboración a longo prazo A colaboración entre a UXFS e grupos de investigadores mexicanos non se limita a este proxecto. Na actualidade estase desenvolvendo tamén outra liña de traballo conxunta para estimar a produción de biomasa forestal e a captura e fixación de carbono neste material vexetal. Así mesmo, segundo explica Javier Corral, “no estado de Durango a primeira medición do inventario xa está rematada, e agora estamos comezando coa segunda, para o que tamén contamos coa axuda dos nosos socios galegos”. A colaboración tamén se concreta na formación que xa recibiron varios enxeñeiros mexicanos, que viñeron a Lugo a completar a súa formación. “Este intercambio é moi útil, pois permite que a experiencia da que gozamos aquí poida aproveitarse en México de forma continua e a través dos seus propios investigadores. A idea é que tamén os nosos estudantes realicen estadías en centros universitarios mexicanos, e para iso estamos traballando na necesaria homologación e acreditación”, explica Juan Gabriel Álvarez. O inventario forestal galego España rematou xa o seu cuarto inventario forestal nacional, que se publicou en novembro de 2011 e que, en referencia a Galicia, ofrece uns datos que dan idea da importancia deste sector na actividade económica do país: das 2.957.000 hectáreas do territorio galego, 2.030.000 están catalogadas como superficie forestal, e delas máis de 1.400.000 están cubertas de arborado. Ademais, a cuarta parte destas áreas boscosas (358.000 hectáreas) están consideradas como espazo natural protexido. En canto a especies, as coníferas ocupan arredor do 30% do total da superficie arborada, as frondosas outro 30% (puras ou en mestura); un 20% está destinada a eucaliptais, e outro 18% a especies en produción (piñeiro ou eucalipto) en mestura con frondosas autóctonas; o 2% restante corresponde a arborado ralo ou moi disperso. Bosque autóctono no estado de Durango Unha das xornadas de formación do proxecto Visita a unha das parcelas