A USC colabora na recuperación das poboacións de mexillón de río e de auganeiras no Ulla
A Universidade de Santiago traballa en colaboración coa Xunta de Galicia e Augas de Galicia na recuperación das poboacións de mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e de auganeiras (Galemys pyrenaicus) na cunca do Ulla. O convenio que regula a colaboración para o proxecto Margal Ulla, previsto ata 2015 co apoio económico da Unión Europea a través do instrumento financeiro da liña ‘Life’, asinárono este luns 16 en San Caetano o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o reitor da USC, Juan Casares; e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez. Obxectivo Co proxecto Margal Ulla trátase de contribuír á mellora do estado de conservación das especies sinaladas, asegurando as poboacións existentes no Ulla e establecendo as condicións máis óptimas para a recuperación das orixinais. Para isto levaranse a cabo varias accións sobre unha área importante desta conca fluvial, nun primeiro momento para obter máis información sobre o estado actual de conservación de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus. Posteriormente, este coñecemento levará a establecer medidas eficaces de mellora do estado de conservación da náiade de río e do auganeiro, pero tamén do seu hábitat e deseñaranse estratexias de sensibilización de cara á poboación. A divulgación dos resultados do proxecto está encamiñada, por outra parte, a servir como base para estender as medidas establecidas a outros ríos galegos e europeos onde aínda perviven con moito perigo estes seres vivos. Esta é primeira ocasión na que se considera de maneira conxunta a conservación destas dúas especies intervindo esencialmente na mellora do hábitat no que se desenvolven. Por outra banda, é tamén a primeira vez que se busca a rexeneración da poboación de mexillón de río en condicións seminaturais e controladas en España. A náiade e a toupa de auga son especies que requiren medios fluviais cunha boa calidade ecolóxica, polo que o perigo no que se atopan responde precisamente ás graves presións que están a experimentar os medios fluviais. Isto explica que as medidas previstas, e nas que participa activamente a USC, están destinadas á recuperación da funcionalidade natural dos ríos para favorecer a conservación da biodiversidade que lles é propia. Medidas concretas e accións da USC Como obxectivos específicos búscanse, entre outros, mellorar aqueles elementos do hábitat identificados como factores de declive de ambas especies; promover a dinámica natural das poboacións de peixes hóspede do mexillón de río e favorecer a conectividade dos núcleos poboacionais de auganeiro, con medidas para recuperar a hidromorfoloxía en áreas do río Ulla afectadas por presas e reducións de caudal e mellorar o estado de conservación do bosque de ribeira nesta conca fluvial. Entre os resultados agardados atópase o coñecemento profundo do estado de conservación de ambas especies, dos seus hábitats e dos principais factores de ameaza. O grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (COPEMOL) que traballa coordinado pola investigadora María Paz Ondina dende o Campus de Lugo conta con integrantes dos departamentos de Xenética (Carmen Baza, Eduardo San Miguel e Rafaela Amaro) e de Zooloxía (Ondina, Adolfo Outeiro, Sabela Lois e Ramón Mascato). Este equipo está implicado nas accións de realización dun inventario detallado das poboacións de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus no Ulla, e na de definir unidades de xestión para a náiade e selección de reprodutores para o plan de conservación ex situ. Por outra banda, ocuparanse na recuperación da dinámica fluvial e adecuación de zonas de cría para M. margaritifera, a través do aproveitamento de construcións tradicionais, canles de muíños ou zonas naturais, entre outros.