A Aula de Produtos Lácteos organiza en outubro unhas xornadas técnicas sobre ingredientes e aditivos na industria do leite
A Aula de Produtos Lácteos da USC organiza os días 18 e 19 de outubro unhas xornadas técnicas sobre ingredientes e aditivos na industria do leite. O encontro desenvolverase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e servirá para analizar as novas tendencias deste sector e os continuos cambios de demanda que xera o mercado e o proceso de diversificación da industria do leite. Ademais, as xornadas pretenden ser unha revisión profunda dos aditivos e ingredientes empregados na actualidade para a formulación de novos produtos lácteos, cun enfoque aplicado ao deseño e produción de derivados lácteos. A actividade está dirixida ao persoal técnico dos diferentes departamentos da industria láctea: I+D, produción e calidade. Entre outros relatores, interveñen nas xornadas o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega; Mª Paz Fernández-Albalat Ruiz e Alfonso Pérez Quintáns, técnicos da Aula; e responsables de I+D, desenvolvemento de produtos e tecnoloxía alimentaria de empresas do sector. O encargado de pechar o encontro será Julio Seijas Vázquez, coordinador da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC no Campus de Lugo. O uso de aditivos na industria láctea, a substitución da graxa nos produtos lácteos, a incorporación de aceite omega3, os preparados con froitas, o emprego de aromas, estabilizantes e colorantes naturais ou análise da textura nos produtos lácteos son algúns dos temas que se tratarán no curso, que inclúe tamén unha visita ás instalacións da Aula. O prazo de inscrición no curso está xa aberto, e os interesados poden contactar coa Aula no número de teléfono 982 821 309 (ext. 21309) ou a través do correo electrónico lucia [at] apl.lugo.usc.es (lucia[at]apl[dot]lugo[dot]usc[dot]es).