Pasar al contenido principal

O Proxecto Siesta que lidera a USC presentou en Romanía os últimos avances do estudo

O equipo de xestión do Proxecto Siesta, en colaboración co grupo de investigación do Centro Interdisciplinario de Investigación Avanzada sobre as dinámicas territoriais da Universidade de Bucarest, organizou nesa cidade romanesa o seu segundo taller rexional. SIESTA -Indicadores espaciais para unha Estratexia Europa 2020; Análise Territorial- está financiado pola Unión Europea no marco de ESPON, a Rede de Observación Europea de Desenvolvemento Territorial e Cohesión. Liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, involucra a outros sete socios académicos e de investigación de seis países diferentes de Europa: Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Polonia e Romanía. O principal obxectivo do programa ESPON é apoiar o desenvolvemento de políticas en relación coa cohesión territorial e o desenvolvemento harmonioso do territorio europeo. En concreto, busca proporcionar datos evidentes sobre o territorio para a identificación de oportunidades para os diferentes tipos das rexións en relación cos obxectivos e as iniciativas emblemáticas que figuran na Estratexia europea. Trátase, en definitiva, de que os resultados sexan útiles para quen formule políticas en diversas escalas (especialmente no ámbito rexional e local) no proceso de planificación e identificación de intervencións territoriais. Na reunión de Bucarest, á que asistiron altos representantes do Goberno de Romanía, presentouse aos actores rexionais do leste unha visión xeral da Estratexia UE 2020 discutindo con eles os resultados do proxecto SIESTA sobre as fortalezas e debilidades das súas rexións e presentáronse recomendacións de políticas e directrices a fin de lograr os obxectivos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.07.2012.