Pasar al contenido principal

A Universidade Simon Bolívar inviste doutor honoris causa a Ángel Carracedo e crea unha cátedra co seu nome

A Universidade Simon Bolívar inviste doutor honoris causa a Ángel Carracedo e crea unha cátedra co seu nome
A Universidade Simon Bolívar inviste doutor honoris causa a Ángel Carracedo e crea unha cátedra co seu nome

“O Leonardo da Vinci da Xenética”, así enxalza a Universidade Simón Bolívar de Colombia o profesor da USC Ángel Carracedo, a quen acaba de investir doutor honoris causa e dedicar unha cátedra especializada en xenética humana. Na celebración dos seus 40 anos de existencia, a Universidade americana recoñece en Carracedo un “afán renacentista de busca do coñecemento e da súa aplicación posterior en beneficio da sociedade, desde a xenética forense á clínica e de poboacións pasando por áreas incipientes como a farmacoxenética coa esperanza de alcanzar fármacos á carta”. Destaca no profesor “unha enorme determinación e capacidade para sacar adiante os seus proxectos desde o traballo, a curiosidade, o talento e o sacrificio e para rodearse para os seus equipos de xente dunha gran cualificación á que soubo incentivar”. A investidura como honoris causa en Ciencias Médicas supuxo o colofón a unha serie de actos arredor da súa figura como foi, ademais da nova Cátedra Ángel Carracedo Álvarez, un simposio internacional de xenética que o propio profesor da USC inaugurou cunha conferencia sobre a revolución xenómica e o seu impacto no mundo actual. A Cátedra A Cátedra Ángel Carracedo Álvarez créase como un espazo destinado á reflexión e o debate acerca dos fenómenos asociados aos avances mundiais no campo da xenética humana e a relación coa realidade que en materia de investigación existe na rexión do Caribe Colombiano. Preténdese así liderar a definición de accións que levan consigo un maior desenvolvemento e impacto da xenética que poidan executarse desde os grupos de investigación da Universidade Simón Bolívar, nomeadamente os seus Instituto de Investigacións, Centro de Investigacións Biomédicas, Mestrado en Xenética, Grupo de Investigación en Xenética e a Unidade de Investigación en Xenética e Bioloxía Molecular. Ademais, esa universidade colombiana conta cun Máster en Xenética con énfase na diagnose molecular, bioinformática e forense. Ángel Carracedo Científico de fama universal natural de Santa Comba (A Coruña), o profesor Carracedo desenvolveu toda a súa vida académica e profesional en Galicia, conseguindo ser un dos investigadores de maior impacto en todo o mundo no eido da xenética forense e clínica. Estudou medicina na Universidade de Santiago e formouse tamén aí en medicina legal co profesor Luís Concheiro para posteriormente realizar estudos de xenética e bioquímica en Upsala (Suecia). Dirixe o Instituto de Ciencias Forenses da USC, segundo a Thomson-Reuters (a axencia que xestiona a Web of Knowledge) o de maior número de citacións no ámbito mundial na área de Medicina forense no decenio 2001-2011. Ademais, Carracedo é tamén o autor con más citacións e índice H. Conta no seu haber con dez libros e máis de 500 publicacións (450 en revistas SCI), varias delas na revistas de máis impacto como Nature, Nature Genetics ou Science. Neste campo, é editor da revista Forensic Science International: Genetics, a primeira en impacto SCI na área forense. Noa últimos quince anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e medicina xenómica e promoveu a creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica que dirixe actualmente, un dos centros de maior volume de España na diagnose de enfermidades xenéticas. Ademais, dende a dirección do Centro Nacional de Xenotipado do Instituto de Saúde Carlos III centra a maior parte dos seus esforzos na busca dos xenes involucrados en enfermidades complexas, particularmente cancro e doenzas psiquiátricas, e en farmacoxenética. Membro das máis importantes sociedades estatais e internacionais de xenética e cancro, de farmacoxenética e farmacoxenómica e de xenética forense, coordina distintas redes de investigación e organismos de estandarización en xenética clínica e forense, bioinformática e xenómica. Entre os recoñecementos acadados destacan o Premio Rey Jaime I, a Medalla Galien (coñecida como o Nobel do medicamento), a Medalla Adelaide ou o Premio Galicia de Investigación, ademais de varios doutoramentos honoris causa por universidades de América e Europa. Varias das tecnoloxías usadas polo seu grupo derivaron en patentes e as técnicas que desenvolven están sendo usadas por todos os laboratorios forenses do mundo. Contribuíu con elas á resolución de numerosos casos xudiciais como a identificación das vítimas do tsunami, o ataque terrorista do 11-M en Madrid, a operación Minstead no Reino Unido, o caso Baneheia en Noruega ou a identificación do fillo de Clara Rojas, secuestrados polo grupo terrorista FARC de Colombia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2012.