O Campus de Lugo estrea un punto de venda para a adquisición dos libros editados polo Servizo de Publicacións da USC
“Dar solución a unha limitación que xeraba un agravio á comunidade universitaria do Campus de Lugo”. Con estas palabras expresou o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, o obxectivo da proposta que no seu día dirixiu á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación e á Vicexerencia do Campus de Lugo, para articular a loxística operativa, funcional e contable dun punto de venda das publicacións da USC no Campus de Lugo. Con independencia da eventual localización de libros da USC nas librerías da cidade, a comunidade universitaria de Lugo aproveitará, xa que logo, tanto a inmediatez na adquisición dos libros do seu interese como o desconto do 25% que xa se practica desde sempre no campus compostelán. “Quero destacar o apoio incondicional á proposta por parte da Vicerreitoría e Vicexerencia de Lugo, que puxeron todos os medios para concretala nun prazo moi breve de tempo”, sinalou Blanco Valdés. Un total de 350 exemplares correspondentes a 50 títulos de libros e revistas editados nos últimos anos están xa dispoñibles neste punto de venda, que se localiza nas instalacións da Vicexerencia (planta soto da Biblioteca Intercentros), é dicir, no corazón do campus universitario. Un conxunto de carteis localizados nos expositores de libros do Servizo de Publicacións, repartidos por todos os centros universitarios da cidade, informan aos usuarios desta nova posibilidade. Presentación do libro Neste mesmo acto deuse a coñecer tamén o libro Atención clínica en intoxicaciones de animales , de María Julia Melgar Riol, María Ángeles García Fernández, María del Carmen Nóvoa Valiñas e Marcos Pérez López, todos eles docentes da Facultade de Veterinaria de Lugo ou formados nela. O manual concíbese como unha guía de orientación para profesionais á hora de atenderen animais con calquera tipo de intoxicación. O manual (publicado dentro do selo de calidade USC Editora) comeza cun percorrido pola historia da toxicoloxía nos seus diferentes campos de aplicación, con especial énfase nos novos modelos de ensino e aprendizaxe no ámbito da educación superior na actualidade. A continuación considera as diferentes pautas de actuación en caso de sospeita dunha intoxicación, así como as probas requiridas para establecer un diagnóstico acertado. Por último, trata os métodos clínicos e de análises que conducen a identificar, de forma adecuada e precisa, o tóxico implicado. Os estudantes de veterinaria, os veterinarios clínicos e os centros de atención toxicolóxica veterinaria atoparán información esencial acerca das intoxicacións en animais e as medidas para o seu correcto diagnóstico e tratamento. Nesta dobre presentación interviñeron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicexerenta do Campus de Lugo, Carmen Varela Prado; Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións; e a profesora Julia Melgar, unha das autoras do manual presentado. Andeis do punto de venda do Servizo de Publicacións no Campus de Lugo