A Universidade de Verán analizará a cooperación ao desenvolvemento dende a perspectiva de xénero

Conferencias, mesas redondas, proxeccións e a presentación de casos de boas prácticas son as ferramentas coas que o curso de verán que dirixe Irene Rodríguez Manzano abordará a relación entre pobreza e mulleres, baixo o lema ‘A cooperación ao desenvolvemento dende a perspectiva de xénero’. O programa celebrarase do 5 ao 7 de setembro na Facultade de Ciencias Políticas cunha carga lectiva de 25 horas. As intervencións corresponderán a expertos de diversas universidades así como de entidades dedicadas á cooperación e profesionais do ámbito sanitario, co obxecto de analizar retos e desafíos para a cooperación española e galega, a integración da igualdade de xénero na cooperación para o desenvolvemento, o panorama da situación das mulleres a través de indicadores socioeconómicos ou as estratexias das empresas transnacionais ante os gobernos do Sur e os impactos nos dereitos humanos. Outros temas presentes no curso serán os microemprendementos produtivos e as formas asociativas de organización autónoma do traballo e de economía social, a situación das mulleres emigrantes no ámbito laboral e, de xeito específico, no ámbito da saúde cunha serie de intervencións arredor de cuestións como a epidemioloxía e prevención de enfermidades de maior impacto no hemisferio Sur como VIH, malaria, tuberculose e saúde materno-infantil; o acceso ao medicamento no mundo; ou o relatorio ‘Saúde en perspectiva de xénero ou cando ser muller é unha condena’. O curso conta co cofinanciamento de Manos Unidas e ONGD. As persoas interesadas poden consultar a web http://www.usc.es/cultura/uveran11_12.htm.