O reitor da USC asiste en Salzburgo a un encontro das Asociacións de Universidades europeas e norteamericanas
O reitor da USC, Juan Casares Long, atópase esta semana en Salzburgo (Austria) para asistir ao Diálogo Transatlántico que organizan a Asociación Europea Universitaria (EUA), a Asociación de Colexios e Universidades Canadenses, (AUCC) e o American Council on Education (ACE). Nesta décimo terceira ocasión leva por título ‘Cara a unha institución comprometida globalmente. Novas direccións, eleccións e dilemas’. Este xoves Casares participará, en calidade de presidente da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas (CICUE) da CRUE , moderando un panel de discusión sobre as novas definicións e cambios na internacionalización. Debaterán acerca do papel das institucións así como das súas responsabilidades e presións para internacionalizarse e chegar ao compromiso global. Neste seminario interactivo reúnese un selecto grupo de 30 reitores canadenses, europeos e estadounidenses para comparar os incentivos, os riscos e beneficios potenciais e os límites da internacionalización a través das tres rexións nun momento de crise económica global como o actual e no que a competencia a miúdo ameaza unha cooperación estratéxica e sostible. Entre outras cuestións, profundarán sobre os riscos de internacionalizar as institucións de educación superior, o papel dos líderes, a relación entre cooperación e competencia e a participación das comunidades académicas e non académicas nese proceso.