Pasar al contenido principal

Debaten sobre a problemática de xénero no Centro de Estudos Avanzados

Na xornada, de inscrición gratuíta, participarán persoas cunha valiosa traxectoria investigadora e de preocupación por esta temática

A Oficina de Igualdade de Xénero organiza este luns 9 no Centro de Estudos Avanzados unha Xornada de Investigación e Xénero na USC. Trátase de dar lugar a un punto de encontro e debate das persoas interesadas e involucradas nesta temática. Inaugurarano ás 9.30 horas a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella. Nese acto presentarase a actualización do Diagnóstico de Igualdade da USC. A continuación terá lugar a primeira das tres mesas redondas sobre conciliación da vida laboral e persoal na que, moderada pola docente Monserrat Nogueira, participarán María Xosé Rodríguez Galdo, María Dolores Álvarez Pérez, Isabel Diz Otero, Marta Irene Lois González e María Bastida Domínguez, todas elas profesoras da USC. A violencia de xénero será a temática en torno á que xirará o segundo debate que moderará a coordinadora da comisión de igualdade do Consello da Cultura Galega e profesora universitaria, María Xosé Agra Romero. Intervirán os e as docentes da USC Rita Radl Philipp, Jorge García Marín, Marta Requejo Isidro, Ramón Arce Fernández, María Sol Rodríguez Calvo e Teresa Moure Pereiro. A xornada continúa pola tarde coa derradeira mesa redonda titulada ‘Universitarias e mercado laboral’. Moderada por Elena Vázquez Cendón, participarán nela a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio, e as profesoras da USC Ana María Porto Castro, María José Méndez Lois, Elisa Jato Seijas, María Carmen Guisán Seijas e Sara Fernández López. As conclusións do encontro expoñeraas ás 17.45 horas a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.07.2012.